Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente inaugura as rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra, que xa contan con máis de 12.000 reservas

José Tomé Roca recibiu no embarcadoiro de Ponte do Sil, en Monforte, aos primeiros pasaxeiros que desfrutaron das viaxes organizadas pola Deputación, “unha parte central da ampla oferta de actividades que ofrecemos para consolidar un modelo de turismo sostible e de calidade, que pon en valor o noso patrimonio, e crea riqueza e emprego”

As reservas feitas antes do inicio dos percorridos ratifican “o éxito” que ten este servizo turístico, “incluso durante a pandemia. Con restricións de capacidade e coa obriga de levar mascarilla, chegamos a 40.000 pasaxeiros no ano 2021 e a 50.000 o pasado 2022”

O mandatario provincial desexou aos primeiros viaxeiros da tempada de catamaráns deste 2023 “que lles gustase a experiencia, que repitan, e que animen ás súas familias, amizades e coñecidos a que veñan á Ribeira Sacra, a desfrutar desta fermosa terra, que é un trozo de paraíso no interior de Galicia”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, foi o encargado de recibir no embarcadoiro de Ponte do Sil, en Monforte de Lemos, aos pasaxeiros e pasaxeiras que realizaron este sábado a primeira viaxe deste ano 2023 das rutas fluviais en catamarán que a institución provincial ofrece pola Ribeira Sacra. José Tomé inaugurou así unha tempada que arranca con xa 1.500 reservas realizadas para os días de Semana Santa e con máis de 12.000 ata decembro.

Estas cifras ao inicio dos percorridos ratifican “o éxito” que ten este servizo turístico, “incluso durante a pandemia. Con restricións de capacidade e coa obriga de levar mascarilla, chegamos a 40.000 pasaxeiros no ano 2021 e a 50.000 o pasado ano 2022”, subliñou o Presidente, quen explicou que as rutas fluviais pola Ribeira Sacra “son unha parte central da ampla oferta de actividades da Deputación, coa que tratamos de favorecer na nosa provincia un turismo sostible e de calidade, que pon en valor a enorme riqueza medioambiental, cultural e etnográfica do noso territorio, e que crea riqueza e emprego”.

A boa acollida desta iniciativa, afirmou, “anímanos a seguir traballando e mellorando este servizo turístico con distintas medidas e actuacións, como foi a posta a punto que fixemos nas embarcacións para esta tempada”.

O mandatario provincial desexou aos primeiros viaxeiros da tempada de catamaráns da Deputación “que lles gustase a experiencia, que repitan, e que animen ás súas familias, amizades e coñecidos a que veñan á Ribeira Sacra, a disfrutar desta fermosa terra, que é un trozo de paraíso no interior de Galicia”.

No acto de apertura da nova tempada de rutas participaron xunto ao Presidente da Deputación de Lugo, a primeira tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos do Concello monfortino, José Luis Díaz; a Alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega; e Manuel Feijoo, Concelleiro da Teixeira.

Reservas, datas e horas

As persoas interesadas en realizar as rutas poden adquirir os seus billetes en reservas.rutasembalses.es

No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en 107 prazas no catamarán Mencía e 52 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 63 viaxeiros.

Neste mes de abril, con motivo da Semana Santa, haberá servizo ininterrompido dende hoxe sábado ao domingo 9, en horario de mañá e de tarde. O resto do mes, os catamaráns da Deputación navegarán de mércores a domingo pola ruta Canon do Sil e no caso de Cabo do Mundo haberá viaxes as fins de semana. Igual que durante o mes de maio, no que tamén haberá servizo en ambas rutas o primeiro luns do mes, pola festividade do Traballo, e o día 17, con motivo das Letras Galegas.

No Canón do Sil, en xuño, xullo, agosto e setembro, haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 1 de outubro pasarán a funcionar de mércores a domingo e no mes de novembro as fins de semana. Tamén haberá servizo en horario de mañá e de tarde o mércores 1 de novembro, coincidindo co día de Todos os Santos.

No caso da viaxe que parte de Cabo do Mundo, en xuño habilítanse viaxes de mércores a domingo con tres frecuencias horarias. Para xullo, agosto e setembro o servizo funcionará durante toda a semana. A partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar só as fins de semana, a excepción da ponte do 12 de outubro, que haberá viaxes do mércores ao domingo, e a ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 1 de novembro.

Ambas rutas rematarán a tempada a final de ano, con viaxes todos os días do 2 ao 10 de decembro.