Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación ten todo listo para iniciar as obras dunha nova ponte sobre o río Azúmara, entre Castroverde e Pol, nas que inviste medio millón de euros

Castroverde
Pol
Imaxe deputación de lugo
A institución provincial vén de conseguir os permisos da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e de Patrimonio, esenciais para poder comezar os traballos neste punto do cinco comarcal que está xunto ao cauce fluvial, e preto dun muíño catalogado e un mazo

Co proxecto, a Deputación ampliará o paso dos vehículos mellorando a seguridade e comodidade nesta estrada que rexistra un importante volume de tráfico, poñendo solución a un problema pendente dende hai anos

Os traballos foron adxudicados á empresa Estruturas Técnicas y Servicios de Rehabilitación S.L, e terán un prazo de execución de 12 meses

A Deputación de Lugo ten todo listo para iniciar as obras de construción dunha nova ponte sobre o río Azúmara no cinto comarcal e acondicionar a estrada neste punto, entre os concellos de Castroverde e Pol, cun proxecto no que investirá medio millón de euros.

A administración provincial vén de conseguir os permisos da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e de Patrimonio, esenciais para iniciar estes traballos que se van desenvolver ao carón do río Azúmara e nun lugar onde se atopa un muíño catalogado e un mazo. 

Coas obras, a Deputación ensancha a estrada, pois agora dificilmente poden circular dous coches ao tempo nese punto, poñendo así solución a un problema pendente dende hai anos. A actuación mellorará substancialmente a seguridade e a comodidade dos seus numerosos usuarios e usuarias, pois o cinto comarcal é unha arteria de comunicación para a comarca de Lugo. É a estrada con maior lonxitude da rede viaria provincial, con máis de 130 quilómetros. 

As obras foron adxudicadas á empresa Estructuras Técnicas y Servicios de Rehabilitación S.L cun orzamento que ascende a máis de 510.000€ e o prazo de execución é de 12 meses. 

Os traballos 

Os traballos consistirán na retirada de terra vexetal e a demolición do firme existente, ademais de retirar a infraestrutura da ponte sobre o río Azúmara. Tamén se vai escavar a terra para facer o novo trazado proxectado. Para a construción da nova ponte, faranse primeiro os estribos e as aletas, para despois poñer as vigas e os elementos necesarios para forxar a estrutura. A continuación procederase ao aglomerado en quente e á sinalización con marcas reflexivas brancas e á colocación de barreiras de seguridade. 

Este proxecto tamén comprende a instalación de árbores e plantacións para unha mellor integración ambiental da actuación, así como medidas para minimizar a posible afección á contorna durante a execución das obras.