Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación reforza vínculos coa Armada de Ferrol este Luns Santo na Semana Santa de Lugo

Semana Santa
Lugo

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou nun encontro coa Armada de Ferrol organizado pola Deputación de Lugo e a Confraría da Virxe da Esperanza dentro dos actos celebrados este Luns Santo en conmemoración da Semana Santa de Lugo. A xornada comezou no Concello de Lugo xunto á Alcaldesa da cidade, Lara Méndez, a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, representantes da Confraría da Virxe da Esperanza e resto de autoridades que recibiron ás Forzas Armadas, presididas polo Almirante Xefe do Arsenal de Ferrol, Ignacio Frutos Ruiz, onde pasaron revista ás tropas e posteriormente realizaron un desfile que congregou a numerosos lucenses e visitantes. 

Rivera Capón enxalzou o traballo das confrarías por manter vivo este encontro que forma parte da tradición da Semana Santa lucense dende o ano 1952, e deu a benvida á Armada, poñendo en valor actos coma este no que se estreitan lazos entre Ferrol e Lugo. “Lugo é unha provincia mariñeira, que mira ó Cantábrico dende os portos e paisaxes da Mariña”. Neste senso, destacou o Deputado, “o mar é tradición, emprego, futuro, gastronomía, por iso a Deputación mantén unha aposta decidida polo noso sector pesqueiro e por todas aquelas iniciativas que contribúen á súa modernización e posta en valor”. Destacou pois o papel da Armada que, como o conxunto dos Exércitos, “ten apostado nos últimos anos pola modernización e pola formación para poder cumprir mellor cos seus cometidos constitucionais e coas misións derivadas da nosa integración nos organismos internacionais”.

Por la tarde, ás 20:30 horas, sairá a procesión da Virxe da Esperanza da Igrexa Nova, que percorrerá as rúas da cidade escoltada pola Armada. O paso da Esperanza, que ten a súa orixe nos anos da Guerra da Independencia, é un dos actos máis fervorosos e concorridos da Semana Santa de Lugo, e que conta coa interpretación do Salve Mariñeira.