Cooperación concellos
Deputación de Lugo

O Presidente dá instrucións para que a Deputación devolva de oficio os cobros do IBI do Concello aos veciños de Sarria

IBI
Sarria
Imaxe deputación de lugo
Aínda que o Concello non solicitou o reintegro das liquidacións, José Tomé tomou a iniciativa “por ser de xustiza que aos veciños e veciñas se lles devolva o que pagaron no seu día polo Imposto de Bens Inmobles da revisión catastral que anulou o TSXG”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, deu este martes instrucións aos servizos provinciais de Recadación, Tesourería e Intervención para que procedan de inmediato e tan pronto como sexa posible, técnica e xuridicamente, á devolución de oficio dos cobros do IBI do Concello aos veciños e veciñas de Sarria e a non recadar os que aínda estiveran sen liquidar.

Unha decisión que adopta á vista da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de data do 20 de setembro de 2021 que anula a revisión catastral que se realizou no municipio de Sarria. Un ditame xudicial que afecta a un inmoble e aos que se encontraban na mesma situación.

José Tomé explica que o Concello de Sarria ten cedida a xestión do cobro dos seus impostos nos servizos económicos da Deputación, séndolle ingresado na conta da entidade local o diñeiro recadado, dado que os impostos son os que libremente decide aprobar a Corporación sarriana.

Desta forma, aínda que o Concello non solicitou o reintegro das liquidacións, o Presidente tomou a iniciativa “por ser de xustiza que aos veciños e veciñas se lles devolva o que pagaron no seu día polo Imposto de Bens Inmobles da revisión catastral anulada polo TSXG”.

A institución tramitará a devolución de en torno a 6.000 liquidacións por un importe de arredor de 1.200.000€.