Deputación de Lugo

O Presidente recibe na Deputación a Xosé Alonso Liste, piloto que disputa o Campionato de Europa de Montaña

Xosé Alonso Liste
José Tomé Roca mantivo este martes un encontro no Pazo de San Marcos co deportista lucense, que, apoiado pola institución provincial, vén de iniciar a proba internacional en Francia a pasada fin de semana cun bo resultado no arranque

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, recibiu este martes no Pazo de San Marcos ao piloto lucense Xosé Alonso Liste, que a pasada fin de semana participou na primeira proba do Campionato de Europa de Montaña celebrada en Francia. Tomé Roca felicitou ao deportista polo seu resultado no primeiro trazado, onde quedou en sexta posición, e puxo a proba o seu vehículo, un Ginetta G55 GT4. 

A Deputación de Lugo patrocina ao piloto, que leva a imaxe da provincia no vehículo, cunha achega de 3.000€. Durante o encontro, o mandatario provincial quixo animar a Alonso Liste e destacou o seu espírito loitador. Así mesmo, fixo fincapé na importancia de ter bos deportistas que leven “o nome da nosa provincia a todos os niveis e teñan un alcance internacional. Pero tamén é moi importante que os nenos e nenas lucenses teñan referentes próximos e reais”.

No acto institucional, o piloto lucense agradeceu o apoio da Deputación e do Presidente, que lle entregou como agasallo o libro Proxectos para o Hospital de Isabel II, o Instituto de Segunda Ensinanza e a Deputación Provincial de Lugo.