Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación aproba a licitación das obras para construír a residencia da Pobra do Brollón cun orzamento de 2,5M€

Xunta de Goberno
Incluíndo este investimento, a Xunta de Goberno deu luz verde este venres a acordos cos que a institución provincial mobiliza un total de 3,7M€ para a dotación e mellora de servizos públicos e infraestruturas da veciñanza da provincia

Adxudicada a concesión das axudas do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, que alcanzan en total os 300.000€ e benefician a 54 asociacións e colectivos de toda a provincia

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres acordos cos que mobiliza un total de 3,7M€ para a dotación a dotación e mellora de servizos públicos e infraestruturas da veciñanza da provincia. Así o anunciou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen detallou os acordos adoptados na reunión celebrada esta semana nunha rolda de prensa posterior.

O acordo máis importante foi a licitación das obras para construír o Centro de Atención a Maiores da Pobra do Brollón por un importe de preto de 2,5M€ e un prazo de execución de 12 meses unha vez iniciadas. 

A Deputada lembrou que o Pleno ordinario do pasado mes de marzo aprobou, por iniciativa do Goberno provincial, a modificación do convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello da Pobra do Brollón para incrementar a achega económica por parte da institución provincial para construír a residencia por unha contía de 725.531,21€, distribuídos nas anualidades 2024 e 2025. Este acordo supón un aumento do investimento provincial para a construción, que desta forma acada os 2,3M€.

O Centro de Atención a Maiores, que a Deputación levantará nunha parcela situada na Avenida de Outeiro, contará con 36 prazas e espazos verdes pensados para o esparexemento das persoas maiores usuarias. 

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou investir máis de 315.000€ para acometer obras de mellora na estrada provincial LU-P-3205, de Monforte de Lemos á LU-P-3201 por Reboredo. “As obras foron adxudicadas á empresa Acoval SL, e afectarán a 2,5 quilómetros de vía, entre o punto quilométrico 0,535 e o 3,175. Terán un prazo de execución de 1 mes e 2 semanas, reducindo 2 semanas o prazo establecido na licitación”, explicou García Porto.

O proxecto contempla a limpeza de laterais, as obras de drenaxe, e posteriormente, a pavimentación con aglomerado en quente e sinalización mediante marcas viarias reflexivas brancas.

Colaboración cos concellos

Segundo acordou esta mañá a Xunta de Goberno, a institución provincial achegará 544.000€ ao Concello de Viveiro en dúas anualidades (2023 e 2024), para acometer a pavimentación e renovación de servizos da rúa do Porto de Celeiro. 

A Voceira socialista detallou que a achega da Deputación representa o 80% do investimento necesario para acometer a obra, mentres que o Concello aportará os 136.000€ restantes”. O proxecto contempla o movemento de terras e demolicións, a reposición da rede de saneamento, pluviais, abastecemento e alumeado público, así como a canalización da electricidade, as telecomunicacións, a dotación de xardinería, mobiliario urbano e  sinalización horizontal e vertical da vía.

“Estas actuacións mellorarán a mobilidade da veciñanza e tamén dos visitantes, que, principalmente no período estival e en Semana Santa, se achegan ó concello de Viveiro e á zona de Celeiro para desfrutar do seu patrimonio e da gastronomía”, asegurou García Porto.

Na Xunta de Goberno tamén se acordou colaborar cun investimento de 126.000€ co Concello de Pol para acometer o abastecemento de auga a explotacións agrícolas e distintos barrios deste municipio, para a mellora dos accesos ao núcleo de Hermunde e para a instalación dun vídeo marcador no campo de fútbol. Pilar García Porto destacou que a achega da Deputación supón algo máis do 80% do orzamento preciso para estas obras, pois o Concello aporta 31.000€.

Así mesmo, a Deputación apoia ao Concello de Lourenzá cunha achega de 50.000€ para o equipamento do local multiusos Ponte de Cuñas, destinado a albergar actividades socioculturais organizadas pola Administración local e polo movemento asociativo e veciñal do municipio. A Deputada explicou que entre o mobiliario a adquirir para este espazo, que conta cunha capacidade para 500 persoas, están máis de 250 sillóns, unha pantalla Led de interior, un atril e catro mesas pregables.

A Deputación tamén aportará preto de 50.000€ ao Concello da Pastoriza para a pavimentación do acceso á zona agrogandeira da parroquia de Gueimonde.

Por outra banda, a institución colaborará co Concello de Lugo con máis de 343.000€ para a organización e celebración de actividades culturais durante este ano 2023.

Programa de Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios

A Xunta de Goberno aprobou hoxe a concesión das axudas do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, que alcanzan en total os 300.000€ e benefician a 54 asociacións e colectivos de toda a provincia. Trátase da segunda convocatoria desta liña de subvencións de concorrencia competitiva, dirixidas a entidades asociativas da provincia –tanto de veciños, como comunidades de usuarios e usuarias de augas, comunidades de montes, asociacións de gandeiros e agricultores ou asociacións de produtores forestais-, “para a execución de obras que melloran a calidade de vida no rural e así contribuír a fixar poboación no territorio”, sinalou García Porto.

Entre as actuacións que poderán acometer as asociacións beneficiarias figuran traídas de augas, a mellora da accesibilidade en camiños veciñais ou as reformas de edificacións para locais sociais.

Parque Móbil

Acordada a licitación dun contrato para o subministro dun camión 4x4 con caixa basculante para terra e cuña quitaneves para o Parque Móbil da Deputación por un orzamento de 200.000€, así como a retirada dun vehículo antigo destas características, polo que se pide como mínimo 4.000€.

Adxudicado tamén o contrato para a prestación do servizo de mantemento dos centros de transformación, liñas de tensión e grupos electróxenos da Deputación de Lugo á empresa Elecnor Servicios e Proxectos S.A.U. por un importe de 35.000€ e por un prazo dun ano con posibilidade de dúas prórrogas anuais, sen exceder os tres anos.

García Porto anunciou ademais a aprobación da solicitude dos concellos de Cervo e Paradela para dedicar remanentes do Plan Único 2022 a novas actuacións. Cervo renovará o pavimento entre o lugar da Pena e a Chousa da Fonte, en San Román de Vilastrofe, cun orzamento total de 27.000€, dos que a Deputación achega 18.600€, mentres que Paradela acondicionará e mellorará o camiño que parte da LU-633, en Castro de Barán, e remata no Cruceiro de Ferreiros. Esta actuación ten un investimento de 17.000”.

Recursos Humanos

En materia de emprego, a voceira socialista anunciou que foi aprobado o nomeamento para cubrir en propiedade tres prazas de Auxiliar de Administración Xeral e unha praza de ATS na Deputación, correspondentes á Oferta de Emprego Público dos anos 2019 e 2021.