Deputación de Lugo
Emprego
Formación

A Deputación renova a colaboración con APREVAR cunha achega de 40.000€

O Presidente da institución provincial asinou un convenio de colaboración co presidente da Asociación Provincial de Reparación e Venda de Automóbiles e Recambios de Lugo, que agrupa a 530 asociados, o que representa o 85% das empresas do sector de automoción da provincia

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Asociación Provincial de Reparación e Venda de Automóbiles e Recambios de Lugo (APREVAR), Luis Abelleira Mayor, asinaron este martes un acordo a través do que a institución provincial renova cunha achega de 40.000€ a súa colaboración para a compra de instalacións da entidade, que agrupa a 530 asociados, o que representa o 85% das empresas do sector da automoción da provincia de Lugo. 

José Tomé destacou que esta colaboración demostra, unha vez máis, o apoio da institución provincial a “un sector estratéxico para a provincia como é o da automoción e contribuír á competitividade das empresas nunha actividade en continua evolución tecnolóxica”. Puxo en valor o traballo de APREVAR, que aglutina a máis de 2 mil traballadores, porque “representa unha parte fundamental do tecido produtivo da nosa provincia, o traballo de pemes e autónomos, que en talleres ou establecementos locais, forman parte desa industria”.

Esta aportación permitirá á asociación lucense  financiar a compra das instalacións de máis de 2.500m2 coa que conta na cidade de Lugo. APREVAR dispón nestas infraestruturas de aulas, talleres diferenciados por ramas de actividade, salón de actos e, entre outros recursos, dunha biblioteca. 

A Asociación Provincial de Reparación e Venta de Automóbiles e Recambios de Lugo foi fundada en 1997 para representar, xestionar e defender ao sector da automoción da provincia de Lugo. Dispoñen dunhas instalacións na Campiña, na cidade lucense, que ofrece aos seus membros servizos técnicos: ITV, certificacións de talleres, información técnica, préstamo de maquinaria; sobre industria: información e asesoramento, altas e baixas no rexistro industrial, cambios de titularidade, traslados, modelos de factura e presuposto; sobre formación: cursos e talleres previstos coas últimas tecnoloxías en maquinaria e ferramentas, dirixidos a persoas desempregadas e traballadores, certificados de profesionalidade e xornadas; así como asesoría xurídica, laboral, fiscal ou medioambiental, entre outros.