Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

As rúas de Burela acollerán este sábado a 25º Maratón Urbana de Special Olympics co apoio da Deputación

Special Olympics
Burela
A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez, participou hoxe no concello burelés na presentación desta cita, que forma parte das actividades coas que colabora a institución provincial como parte do seu apoio a FADEMGA

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez, participou este xoves no Concello de Burela na presentación da Maratón Urbana de Special Olympics xunto ao Alcalde da localidade mariñana, Alfredo Llano García, o presidente de FADEMGA (a federación galega de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento), Eladio Fernández, a Concelleira de Servizos Sociais e Mar, Carmela López, e o Concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey. O Concello burelés organiza esta proba que atraerá a participantes de colectivos de toda Galicia, xunto a FADEMGA e á Fundación Eu Son, entidades coas que colabora a institución provincial.

Burela acollerá o vindeiro sábado a 25 edición desta competición, que forma parte do programa deportivo que, anualmente, leva a cabo a entidade galega para promover a práctica deportiva entre as persoas con capacidades diferentes e ao que a Deputación de Lugo achega 8.000€.

Mayra García Bermúdez felicitou ao Concello por respaldar o evento e quixo facer un recoñecemento especial para “os atletas, para as súas familias e para todo o equipo de colaboradores e voluntarios que fai posible a maratón”. “Falar de deporte é sempre falar de valores, pero poucas veces isto é tan certo como nos certames de Special Olympics. Un exemplo do deporte como exercicio de esforzo persoal, de convivencia e de integración social”, afirmou.

Así mesmo, quixo dar valor ás actividades de Special Olympics, que “poñen sempre o acento en todo aquelo que nos une: a capacidade de loita e o desexo de superar os retos. Todas e todos aspiramos a gañar e, en caso de non poder facelo, a competir de xeito valoroso, leal e con respecto ó contricante”.

“Hoxe presentamos unha fermosa e apaixonante xornada de deporte e de convivencia, e, sen querer facer trampas, xa podo quen vai gañar: o conxunto da sociedade”, subliñou a Deputada. 

A proba sairá o sábado, ás 12:00 horas, da Praza do Concello de Burela e percorrerá algunhas das rúas principais da localidade, como Pardo Bazán ou Rosalía de Castro. Está previsto que compitan máis de 150 atletas, que estarán acompañados de 37 adestradores.