Deputación de Lugo

A Deputación inviste 120.000€ para mellorar a estrada de Carballido a Poutomillos por Santalla de Bóveda, en Lugo

Xunta de Goberno
infraestruturas
axudas
asociacións
A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación das obras para a renovación da LU-P-2903, que afectarán ao treito comprendido entre os puntos quilométricos 5,7 e 7,7, e terán un prazo de execución de 2 meses. Os traballos consisten na reapertura de cunetas, drenaxe, estendido de aglomerado en quente e sinalización

A Voceira socialista do Goberno explicou que esta actuación “mellora a comunicación de varias parroquias de Lugo, do Camiño de Santiago e dunha das xoias romanas da provincia, como é o Santuario de Santalla de Bóveda”

Aprobada a convocatoria do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios 2023, cunha dotación de 300.000€ e destinado a entidades asociativas da provincia. A vindeira semana abrirase o prazo de solicitude trala súa publicación no BOP

A Voceira provincial socialista, Pilar García Porto, informou de que a Xunta de Goberno aprobou este venres a adxudicación por un importe de 120.000€ das obras de mellora da estrada provincial LU-P-2903, que comunica Carballido con Poutomillos por Santalla de Bóveda, no concello de Lugo. 

As obras, que afectarán ao treito da estrada comprendido entre os puntos quilométricos 5,7 e 7,7, consistirán na reapertura das cunetas, eliminando a vexetación e os aterramentos, na  limpeza e drenaxe, tamén nos pasos salvacunetas para garantir a evacuación das augas; no saneamento de varios blandóns do firme; na pavimentación con aglomerado en quente; e na sinalización mediante marcas viais reflexivas brancas. 

A adxudicataria da obra é a empresa OVISA Pavimentos e Obras SLU, que terá un prazo de 2 meses para acometer os traballos.

Con esta actuación, explicou a Voceira socialistas do Goberno, a institución provincial “mellora a comunicación de varias parroquias de Lugo, do Camiño de Santiago e dunha das xoias romanas máis descoñecidas da provincia, como é o Santuario de Santalla de Bóveda, datado entre os séculos II e IV”.

Ademais, sinalou García Porto, esta vía enlaza coa estrada provincial LU-P-2901, que une Lugo e Guntín, á altura da parroquia lucense do Burgo, na que a Deputación está levando a cabo a renovación do firme cun investimento de 350.000€.

Nova liña de axudas para as entidades asociativas da provincia

A Xunta de Goberno de hoxe aprobou a convocatoria e as bases do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios 2023, unha liña de axudas de concorrencia competitiva que ten unha dotación económica de 300.000€ e dirixida ás entidades asociativas da provincia.

O prazo de solicitude das subvencións abrirase a partir da vindeira semana, unha vez que se publiquen as bases no Boletín Oficial da Provincia. 

As achegas da institución oscilan entre os 1.000 e os 6.000€, e poderán optar a elas  asociacións e agrupacións de veciños e veciñas, comunidades de usuarios e usuarias de augas, comunidades de montes ou asociacións de gandeiros, agricultores ou produtores forestais da provincia, para realizar investimentos en inmobles ou para equipamentos que sirvan para mellorar a calidade de vida e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal. “Son pequenas actuacións que, sen embargo, teñen unha gran relevancia social, polo que con este plan dotamos de máis e mellores servizos ao noso rural, que son fundamentais para fixar poboación”, sinalou a Voceira socialista do Goberno.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou esta mañá a venda de dúas novas parcelas do polígono industrial de Castroverde, por un importe total de preto de 70.000€. A Deputación contribúe así á dinamización do tecido empresarial da localidade e da comarca.