Deputación de Lugo

Pablo Rivera reivindica no pregón da Feira de San Isidro “a identidade de portas abertas da Milagrosa”, que “cumpre manter para que siga viva no futuro”

feira san isidro
PREGON
Lugo
Pablo Rivera Capón
O Deputado de Promoción Económica e Social e primeiro tenente de Alcalde de Láncara foi o encargado de abrir o feiral que se celebra na praza do barrio lucense durante a fin de semana con postos de produtos de proximidade

“Todos deberíamos ter aprendido algo da nosa historia. É doado falar de inseguridade se nos empeñamos en ver ó que chega como diferente. É doado dicir que o barrio non é o que era, se poñemos o listón nun color de pel, nun son da fala, nunha relixión. É doado si, pero é moi inxusto”, asegurou Rivera Capón

O Deputado de Promoción Económica e Social e primeiro tenente de Alcalde de Láncara, Pablo Rivera Capón, foi o encargado de abrir a Feira de Produtos do Campo e Artesanía San Isidro da Milagrosa cun pregón “feito dende o corazón e na dobre condición de veciño de Láncara e de Lugo”. 

Pablo Rivera puxo en valor a importancia da migración para a construción do barrio da Milagrosa, que “naceu como os mosaicos romanos, xuntando pezas de todas as aldeas e vilas da provincia, e que nos anos máis recentes tense convertido nun espello do mundo, coa chegada de xentes de todos os continentes que enriquecen a nosa herdanza coa achega dos elementos das súas culturas. Esa identidade de portas abertas foi a que converteu á Milagrosa no que é hoxe, e cumpre mantela para que siga viva no futuro”. 

“A Milagrosa é un barrio de inmigrantes”, incidiu, “de inmigrantes lucenses que se moveron pola súa terra, e de xente de toda a Terra que quere chegar e ser lucense. Nosos pais, irmáns, familiares... foron emigrantes en Europa e todos coñecemos de primeira man o rexeitamento inicial que afrontaron”. “Penso que todos deberíamos ter aprendido algo da nosa historia. É doado falar de inseguridade, se nos empeñamos en ver ó que chega como diferente. É doado dicir que o barrio non é o que era, se poñemos o listón nun color de pel, nun son da fala, nunha relixión... É doado si, pero é moi inxusto”, asegurou.

O Deputado agradeceu a aposta da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, “por manter abertas as rúas deste barrio, na mellor tradición que louvaba Luis Pimentel no seu poema Mañá da miña rúa”, e por facer da cidade “un referente en políticas feitas coa xente e para a xente. En aproveitar o pulo da xente para deseñar políticas que lles melloren a calidade de vida e as gañas de seguir facendo cousas. 

A Feira de San Isidro da Milagrosa conta con 30 expositores, aos que se suma unha programación cultural e gastronómica que animará durante toda a fin de semana o barrio. A Deputación de Lugo colabora aportando para a súa distribución entre os asistentes produtos autóctonos que suman un valor superior aos 7.000€.