Deputación de Lugo

A Deputación colabora coa Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, que acolle Cervantes este sábado

Cervantes
O Deputado de Promoción Económica e Social, o Alcalde cervantego e a asociación Territorio Verde presentaron no Pazo de San Marcos esta cita, que reunirá ao redor de 60 gandeiros e 180 animais en San Román

Rivera Capón subliñou que a institución provincial achega ao Concello 5.000€ para impulsar a terceira edición da feira, que “contribúe a potenciar o noso sector primario, a poñer en valor a actividade gandeira, e a manter vivas as formas de ocupación socioeconómica e as paisaxes da Montaña”

Ao longo da xornada haberá exposicións e venda de gando e maquinaria agrícola, así como postos de pulpeiros, comerciantes da zona e música tradicional

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, o Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, e o presidente da asociación Territorio Verde, Miguel González Vilela, xunto a outros representantes deste colectivo, presentaron este luns no Pazo de San Marcos a terceira edición da Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, que reunirá ao redor de 60 gandeiros e 180 animais o vindeiro sábado, 13 de maio, en San Román de Cervantes.

A institución provincial achega 5.000€ para impulsar esta feira de reivindicación do rural, sinalou Pablo Rivera Capón, que “está a medrar ano tras ano, e que, sen dúbida, contribúe a potenciar o noso sector primario, a poñer en valor a actividade gandeira, e a manter vivas as formas de ocupación socioeconómica e as paisaxes da Montaña, e con elo, o futuro do noso rural, en definitiva, o futuro da nosa provincia”. 

“Esta feira, que é motivo de celebración e que ten un retorno económico importante, contén tamén un factor de reivindicación da importancia de preservar as actividades tradicionais para garantir a pervivencia do noso rural, para fixar poboación, para manter a nosa identidade cultural, para a ordenación do territorio e para o coidado do medio ambiente”, recalcou o Deputado.
 
Pablo Rivera loou o traballo, tanto do Alcalde de Cervantes, como dos organizadores, por recuperar hai tres anos unha tradición que non se repetía dende 1985, e animou a todos os lucenses e as persoas que visitan a provincia a que se acheguen á localidade este sábado “para vivir un día de festa e axudar a poñer en valor as nosas tradicións”. 

Unha feira ó xeito de hai 40 anos

A Asociación Territorio Verde co apoio do Concello recuperou no ano 2019 esta tradicional feira co obxectivo de poñer en valor a actividade gandeira e enxalzar o espírito das feiras de hai 40 anos que se celebraban ao aire libre e eran o principal punto de venda de gando na Montaña lucense. Na súa organización colaboran unhas 90 persoas, dende o Concello, a asociación, negocios da comarca, e persoas que de xeito desinteresado se amosan voluntarias para sacar adiante o evento. 

Na súa terceira edición, a Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña contará con exposición e venda de animais e maquinaria agrícola. Participarán ó redor de 60 gandeiros e gandeiras con 180 cabezas. Ademais de gando vacún, haberá tamén cabalos, cabras ou ovellas, así como postos de pulpeiros, comerciantes da zona e música tradicional. 

A feira comezará ás 8 da mañá coa recepción do gando. Ao longo do día haberá  subasta de xovencas, entrega de numerosos premios aos mellores exemplares, sorteos e inchables para nenos e nenas. A xornada estará amenizada pola mañá cos grupos de música tradicional Os Xardois e Os Gaioleiros, e pola tarde, coa actuación de Tania e o seu acordeón.