Deputación de Lugo
Turismo

O Coñece a túa provincia leva esta semana de viaxe a máis de 170 veciños e veciñas de cinco concellos

Coñece a túa Provincia
A Deputación de Lugo impulsa este programa de rutas gratuítas, no que dende hoxe e ata venres participarán veciños de Antas de Ulla, Lugo, O Valadouro, Pedrafita do Cebreiro e Taboada

A Asociación Veciñal e Cultural Casa da Escola, de Antas de Ulla, viaxa este martes ata A Mariña

En total esta primavera son 1.800 persoas de 80 colectivos lucenses as que teñen reservadas as súas viaxes pola provincia con esta iniciativa para fomentar o turismo de
proximidade

Veciñas e veciños de cinco concellos da provincia participarán esta semana no programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo. Son en total máis de 170 persoas dos municipios de Antas de Ulla, Lugo, O Valadouro, Pedrafita do Cebreiro e Taboada as que, dende este martes e ata o venres, percorrerán o territorio lucense grazas ás viaxes gratuítas que impulsa a institución provincial para colectivos sen ánimo de lucro.

Este martes, a Asociación Veciñal e Cultural Casa da Escola, de Antas de Ulla, viaxa ata A Mariña. Comezarán a súa ruta no Mazo de Santa Comba, onde foron recibidos pola Deputada en funcións Pilar García Porto antes de partir ata o concello de Cervo. O grupo coñecerá a fábrica de Sargadelos e percorrerá a vila de San Cibrao, onde fará parada na carpintería de ribeira e o Museo do Mar da Deputación.

O mércores as rutas elixidas polos participantes darán a coñecer aos participantes o patrimonio natural, cultural e paisaxístico do concello do Saviñao e da capital lucense. A  Asociación entre veciños Entre Carrís, de Lugo, visitará a Produtora de Audiovisuais para a continuación poñer rumbo ao Saviñao. Ao concello de Lugo viaxará a Asociación de Veciños do Cadramón, do Valadouro, tras coñecer o Mazo de Santa Comba. 

Será o xoves cando membros da Asociación Cultural e de Veciños de Pedrafita do Cebreiro,  visiten o Saviñao despois de coñecer a contorna do Mazo de Santa Comba. Así mesmo, os da Asociación Cultural e de Veciños Santa Mariña de Cerdeda, de Taboada,  farán a ruta que permite coñecer os concellos de Burela e Foz, que inclúe unha visita ao porto pesqueiro e ao barco museo boniteiro Raíña do Carmen. Tamén se achegarán ata as praias de Foz e farán unha visita á basílica e centro de interpretación de San Martiño. 

Para rematar a semana, a Asociación Cultural Deportiva de San Juan de Tirimol, de Lugo, visitará na Mariña os concellos do Vicedo, Viveiro, e Ourol. O grupo coñecerá a área etnográfica da Insua, as praias de Covas e Abrela, a fervenza da Xestosa, e o Fuciño do Porco.  Pola súa parte, a Asociación de VILU, de Lugo, coñecerá nos concellos de Sober e Monforte o románico da zona e navegará polo Canón do Sil no catamarán da Deputación, tras achegarse á historia do Pazo de San Marcos na institución provincial. 

En total esta primavera 1.800 persoas de 80 colectivos lucenses teñen reservadas as súas viaxes pola provincia ata finais do mes de xuño con esta iniciativa para fomentar o turismo de proximidade, seguir favorecendo o coñecemento da provincia entre a veciñanza, e ao mesmo tempo apoiar a actividade económica nestes concellos. 

O programa Coñece a túa provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que teñen a habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.