Deputación de Lugo

A Deputación destaca o papel do sector lácteo na inauguración dunhas xornadas para reforzar o nexo entre provedores e industria

RECURSOS SOSTIBLES
USC
sector lácteo
O Deputado en funcións de Recursos Sostibles participou este xoves na inauguración dunha cita técnica que aborda as novidades sobre aditivos e ingredientes dos lácteos e sinalou que o sector aporta á provincia “emprego de calidade e equilibrio territorial”

“A Deputación de Lugo ten entre as súas prioridades a colaboración co tecido produtivo, de maneira moi sinalada co noso sector primario”, apuntou Fernández Rico

As terceiras Xornadas sobre Ingredientes e Aditivos na Industria Alimentaria e Láctea teñen lugar hoxe e mañá no auditorio da Facultade de Veterinaria e están dirixidas a responsables e técnicos das diferentes empresas

O Deputado en funcións de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, participou este xoves na inauguración das III Xornadas sobre Ingredientes e Aditivos na Industria Alimentaria e Láctea que se celebran entre hoxe e mañá no auditorio da Facultade de Veterinaria. Na cita, pensada para reforzar o nexo entre provedores e industria, Fernández Rico destacou o papel do sector lácteo, que aporta á provincia “emprego de calidade e equilibrio territorial”.

“A Deputación de Lugo ten entre as súas prioridades a colaboración co tecido produtivo, de maneira moi sinalada co noso sector primario. Un sector no que a industria láctea e os seus derivados alimentarios ocupan un lugar fundamental”, apuntou o Deputado no acto inaugural, no que participaron tamén o delegado do Reitor para a Transferencia do Coñecemento, Luís Otero, e a xefa territorial da Consellería de Medio Rural, Olga Iglesias, entre outras autoridades.

Fernández Rico asegurou esta mañá que “falar do sector lácteo en Lugo é falar de tradición e de innovación. É falar das raíces que nos definen e das posibilidades de futuro que se abren ante nós, de emprego de calidade e de equilibrio territorial; porque un sector lácteo innovador ofrece oportunidades de emprego aos mozos e mozas que desexan desenvolver seu proxecto vital no rural”.

Nese sentido, explicou que a Deputación “busca a colaboración cos gandeiros como cos investigadores universitarios”. Algo que, segundo detallou, se traduce en programas concretos como o Campus Terra ou en distintas iniciativas, como as desenvolvidas na Granxa Gayoso Castro. “Un centro público de investigación que fomenta a investigación de primeiro nivel e as súas aplicacións prácticas nas explotacións e nas novas formas de comercialización de produtos”, explicou Roberto Fernández.

Sinalou que as xornadas representan esa aposta pola innovación que defende o ente provincial e valorou que “os novos aditivos e ingredientes son a base sobre a que as empresas crean novas liñas de márketing e dan resposta ás necesidades duns consumidores que apostan por produtos de máis calidade, máis saudables ou adaptados ás necesidades de determinadas dietas”.

O Deputado finalizou a súa intervención sinalando que, desde o seu punto de vista, “apostar pola innovación é apostar polo futuro. E facelo desde unha base tan sólida como a tradición do sector lácteo lucense supón partir desde unha posición privilexiada”. Dixo Fernández Rico estar seguro de que a terceira edición desta cita será “un éxito” e que as xornadas conseguirán consolidarse “como un referente no calendario da investigación e da reflexión sobre a industria láctea e alimentaria da nosa provincia”.

O programa

As Xornadas sobre Ingredientes e Aditivos na Industria Alimentaria e Láctea están dirixidas a responsables e técnicos dos departamentos de I+D+i, márketing, produción e calidade das empresas, e contan na súa terceira edición cun programa moi completo:

Xoves, 8 de xuño:
9:30 Pilares creativos de innovación: crear marca e comunicar produto, Alexandre López, de Lantern Innovation.
10:15 Pechando a fenda entre as texturas dos produtos lácteos e veganos, David Louhgman, de Avebe.
11:45 Descubrindo as múltiples funcionalidades de NUTRAVA Citrus Fiber en produtos lácteos e alternativos de orixe vexetal, Natalia Teribia, científica en CP Kelco.
12:30 Proteínas lácteas: o futuro da industria láctea, José Castro de Inleit Ingredientes.
13:15 Enriquecemento e ingredientes funcionais: o mundo healthy, Benet Soley, de Alifarma.
15:30 Estruturar alimentos con partículas vexetais, Patricia López, investigadora da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC.
16:15 Masking en produtos de orixe vexetal alternativos aos lácteos, Midey González, de International Flavors & Fragances.
17:45 Agar-agar: de la tradición a la innovación, Olivero Navello, de Industrias Roko.
19:00 Visita guiada ás instalacións da Aula de Produtos lácteos e tecnoloxías alimentarias (APLTA).

Venres, 9 de xuño:
9:00 Visión e contexto do sector alimentario en España e Portugal, Eduardo Cotillas, director de I+D+i da Federación Española da Alimentación e Bebidas (FIAB).
9:45 Usos das celulosas na estabilización de diferentes matrices alimentarias, Christoffer Jensen, de International Flavours & Fragances. Haberá tradución simultánea do inglés.
10:30 Usos de cultivos especiais: produtos lácteos e análogos de diarios, Christiane Sarrazin, de Lallemand. Haberá tradución simultánea do inglés.
12:00 Proteínas obtidas pola microfermentación: a solución completa de proteínas de orixe vexetal, Helena Ribas, de Brenntaf Química S.A.
12:45 Ciencia, microbioma e experiencia industrial como claves para construír o futuro dos probióticos, Isabel López Viñas, de Chr. Hansen SL.
13:30 Mesa redonda Desenvolvemento e innovación dos novos produtos desde a estratexia empresarial. Participarán Carmen Lence, CEO do Grupo Lence; Sergio Martínez, CEO de Innolat; María Eugenia Juncal, responsable de innovación na Granxa Campomayor; e os técnicos superiores de investigación de APLTA Laura Abuín e Luis Aldeanueva.