Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente enxalza en Ribas de Sil a calidade dos produtos autóctonos na Festa da Cereixa, o Viño e o Aceite, coa que colabora a Deputación

XVII Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil
A institución provincial achega 9.000€ a través do Plan Único 2023 para a celebración desta cita que pon en valor a excelencia gastronómica destes tres produtos emblemas na Ribeira Sacra

José Tomé destacou que este evento “supón todo un revulsivo económico e turístico para o sur da provincia”, pois ata a localidade achéganse esta fin de semana decenas de visitantes para desfrutar destes manxares nunha contorna incomparable como é a Praia Fluvial de San Clodio

O Presidente en funcións da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao Alcalde en funcións de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela, participou este domingo na Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite, unha cita que chega a súa décimo novena edición exaltando a excelencia destes tres produtos que se producen no val do Sil. A institución provincial achega 9.000€ a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2023 para a celebración deste festexo que ten como marco incomparable a Praia Fluvial de San Clodio.

José Tomé Roca enxalzou a calidade destes emblemas autóctonos da gastronomía da Ribeira Sacra, e felicitou aos produtores e adegueiros "por lograr uns produtos únicos de altísima calidade, que se elaboran mantendo as técnicas tradicionais, ademais de que son a nosa mellor sinal de identidade levando o nome dos nosos territorios por todo o mundo".

Destacou tamén o compromiso da institución provincial con esta cita que vén apoiando ano tras ano xa que se trata “dun importante revulsivo económico e turístico, que impulsa o patrimonio gastronómico que temos e que xera un efecto multiplicador na nosa economía, incidindo especialmente no sector servizos”, pois durante esta fin de semana ata a localidade achéganse decenas de visitantes para desfrutar de dous días de festa e das numerosas actividades de lecer e de promoción do patrimonio que se desenvolven.

O mandatario provincial asistiu ademais ao pregón da cita que correu a cargo do Doutor en Arqueoloxía nado en Torbeo, Luis Francisco López González. A xornada deste domingo estivo amenizada pola Charanga KM0, e ademais contou con postos no recinto feiral con degustacións de produtos, e abríronse ao público os Centros de Interpretación do Río Sil (CIRS), en Torbeo; o da Minaría Aurífera Romana (CIMAR); e o do Río Sil (CIRS).

Pola tarde, ás 17:00 horas, terá lugar no Salón de Actos do Concello, a presentación do libro Historias do concello de Ribas de Sil, do profesor Manuel Cao, e ás 20:00 horas as actuacións do grupo de baile de San Clodio e de Quiroga poñerán o fin de festa.