Deputación de Lugo
Turismo

180 integrantes de oito entidades descobren esta semana a provincia de Lugo co programa Coñece a túa provincia

Coñece a túa Provincia
Veciños e veciñas dos concellos de Cospeito, Vilalba, Sober, Castroverde, Foz, A Fonsagrada, O Saviñao e Burela achegaranse a visitar, dende hoxe ata o venres, concellos da Mariña, A Montaña e A Ribeira Sacra

Máis de 180 veciños e veciñas de oito entidades da provincia de Lugo participan esta semana nas viaxes gratuítas do programa Coñece a túa provincia, a terceira edición desta iniciativa impulsada pola Deputación de Lugo. Dende o martes ata o venres, asociacións de Cospeito, Vilalba, Sober, Castroverde, Foz, A Fonsagrada, O Saviñao e Burela visitarán os recursos patrimoniais e naturais das comarcas da Mariña, A Ribeira Sacra e A Montaña. 

Esta semana as viaxes arrancan coa Asociación de Veciños O Castro de Bexán, de Cospeito, que comezou a súa visita na Granxa Gayoso Castro e, posteriormente, fixo un percorrido polos concellos de Barreiros e Ribadeo, onde descubriron a costa lucense e o centro histórico da vila mariñá. Tamén este martes, a Asociación de Pais e Alumnos Terra Chá do CEIP de Román, de Vilalba, coñeceron primeiro o Centro de Interpretación Terras do Miño para posteriormente poñer rumbo á Fonsagrada e Negueira de Muñiz con paradas na Seimeira de Vilagocende ou no Museo Comarcal.

O mércores será a quenda da Asociación Cultural O Tricole, de Sober, e a Asociación Cultural O Forno da Vella, de Castroverde. Os soberinos visitarán os concellos de Xove e Viveiro para coñecer o faro Punta Roncadoira ou o Souto da Retorta, antes farán unha parada no Centro de Interpretación Terras do Miño. Por outra banda, os de Castroverde, coñecerán o traballo da Produtora de Audiovisuais e os recursos turísticos de Alfoz e O Valadouro. 

Será o xoves cando a Agrupación Deportiva Os Castros, de Foz, se achegue ao Pazo de San Marcos antes de percorrer Paradela e Portomarín, onde visitarán o patrimonio románico destes concellos así como o Castro de Soutomaior. Por outra banda, tamén nesta xornada, a APA dos Centros Docentes da Fonsagrada coñecerán o traballo que se leva a cabo na Produtora de Audiovisuais da Deputación para posteriormente poñer rumbo a Cervo.

Para rematar a semana, o venres participarán no Coñece a túa provincia a Asociación Cultural Lavandeira, do Saviñao, e a Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Praia da Marosa, de Burela. A entidade da Ribeira Sacra visitará o Mazo de Santa Comba e achegarase á Mariña para descubrir Xove e Viveiro. Pola súa banda, a entidade mariñá irá á Granxa Gayoso Castro e visitará o concello do Saviñao.