Deputación de Lugo

O Presidente entrega a Bandeira Provincial á Policía Nacional e á Garda Civil de Lugo

bandeira
Garda Civil
policia nacional
José Tomé Roca manifestou a honra que supón para a Deputación a concesión desta insignia provincial aos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado que “simboliza un recoñecemento ao traballo impecable que levan a cabo a diario para velar pola convivencia e a seguridade da cidadanía”

O Presidente en funcións da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez López, fixo entrega este xoves ao Coronel da Comandancia da Garda Civil, Julio Javier González Chas, e ao Comisario Xefe Provincial de Operacións, Luis Miguel Romera Pérez, da bandeira provincial con candanseu mastro a ambos representantes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.

A enseña provincial, financiada pola institución provincial, pasará a formar parte, a partir de hoxe, xunto á Autonómica e á Nacional das dependencias provinciais de cada un destes Corpos e Forzas de Seguridade do Estado para que dispoñan dela en actos oficiais e protocolarios. 

No acto de entrega, que tivo lugar na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos, José Tomé Roca manifestou a honra que supón para a Deputación facer entrega desta insignia a ambos representantes da Garda Civil e da Policia Nacional. A concesión destas bandeiras, sinalou o Presidente, “simboliza un recoñecemento ao traballo impecable que levan a cabo a diario os Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para velar pola convivencia e a seguridade da cidadanía”. Destacou o Presidente “a boa relación, o compromiso e colaboración que existe con ambas institucións”.

Pola súa banda, Isabel Rodríguez aproveitou para destacar a estreita colaboración do organismo provincial coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a importancia da cooperación entre institucións, ademais de poñer en valor o traballo e implicación diario da Policía e da Garda Civil, que queda patente cos baixos niveis de delincuencia en Lugo, sendo unha das provincias máis seguras de España.

A bandeira fai referencia aos símbolos oficiais da provincia, ao igual que o escudo. A súa oficialidade é do 28 de abril de 2009, data que foi publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG). Está confeccionada cun pano dividido en dúas franxas horizontais de azul e vermello que representan as cores corporativas. Sobre a franxa azul a bandeira porta un cáliz amarelo sumado da sagrada e de forma radiante da mesma cor, flanqueado dun ánxel orante a cada lado en cor branco. Sobre o pano vermello loce unha torre donxonada de branco franqueada por dous leóns enfrentados, neste caso, de cor amarela.