Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Presidente visita aos primeiros residentes do Centro de Atención a Maiores de Ribas de Sil

centros de atención a maiores
Ribas de Sil
Comprobou o proceso de adaptación dos usuarios e usuarias que entraron a vivir esta semana, despois de que a Xunta de Galicia bloquease a apertura da residencia da institución provincial durante máis de dous meses

José Tomé Roca: “Todas as persoas que estades aquí tedes dereito a contar con este servizo público e de calidade. Un servizo que vos permita pasar esta etapa da vosa vida ben atendidos, tranquilos e cerca das vosas familias, cerca de onde vivistes sempre”

O Goberno galego emitiu en marzo un informe desfavorable sobre o Permiso de Inicio de Actividade, contradicindo os seus propios informes e alegando cuestións que recibiran o aval técnico da Consellería, por cuestións meramente electoralistas

O Presidente en funcións da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, visitou este xoves ás primeiras persoas que entraron a vivir no Centro de Atención a Maiores (CAM) de Ribas de Sil esta semana. Comprobou o proceso de adaptación dos usuarios e usuarias e compartiu tempo co persoal do centro, que se puxo esta semana en funcionamento despois de que a Xunta de Galicia bloquease a apertura da residencia da institución provincial durante máis de dous meses.

“Todas as persoas que estades aquí tedes dereito a contar con este servizo. Cun servizo de atención público, de calidade. Un servizo que vos permita pasar esta etapa da vosa vida ben atendidos, tranquilos e cerca das vosas familias, cerca de onde vivistes sempre”, sinalou Tomé Roca. Explicou que o centro “construíuno e manteno a Deputación de Lugo, xunto co Concello, pero este centro é voso, das persoas que vivides aquí. Esta é a vosa residencia, a vosa casa”. 

Na visita, na que participaron residentes, traballadores e traballadoras, o Presidente estivo acompañado polo deputado en funcións de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, así como do Alcalde en funcións de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela, e de concelleiros e concelleiras da Corporación municipal.

O Presidente deu as gracias ó Alcalde de Ribas de Sil e a todo o seu equipo polo seu traballo, e recoñeceu o labor dos seus predecesores no cargo, e dos traballadores e traballadoras do Concello e da Deputación implicados na posta en marcha da residencia. 

No CAM de Ribas de Sil, o noveno da rede provincial, a Deputación ofrece un total de 29 prazas asistenciais e crea 25 postos de traballo directos.

Un modelo que favorece o arraigo

Valorou o mandatario provincial na súa visita que moitas das persoas que entran estes días a vivir no centro veñen doutras residencias en Ourense ou no Barco de Valdeorras. E sinalou que “esa é a esencia do noso modelo. Un modelo do que estou orgulloso. Un modelo de pequenos centros no que o primeiro son as persoas. Un modelo que prima a proximidade, o arraigo e a atención”.

Tomé Roca puxo o exemplo dun matrimonio de Torbeo, José e Obdulia, que tiveron que pasar separados a pandemia logo dunha vida xuntos. Ela tivo que trasladarse a un centro lonxe de aquí e el, debido as restricións, non puido visitala. Hoxe volven estar xuntos neste centro de Ribas de Sil.

A día de hoxe hai unhas dez persoas vivindo xa neste centro da Deputación e pouco a pouco irán ingresando novos residentes ata completar as 29 prazas. Unha incorporación gradual dos usuarios e usuarias que implantou a institución provincial na súa rede de centros co obxectivo de que a cohesión do grupo e a adaptación de todos fose máis doada.

Dinamización económica

Destacou o Presidente a importancia da creación de 25 postos de traballo directos e o peso que ten na empregabilidade feminina, pois a meirande parte dos postos de traballo están ocupados por mulleres. “Algo fundamental para atraer poboación ós concellos pequenos e que o noso rural siga vivo”, apuntou.

“Empregos directos que se suman á creación da actividade económica, polos produtos e servizos que demandan estes centros: da farmacia ou do supermercado”, engadiu Tomé Roca, que asegurou que do retorno económico se beneficiará Ribas de Sil, Quiroga e toda a comarca.

“O noso modelo asistencial está xa moi contrastado. Está funcionando moi ben noutros 8 concellos e estamos traballando por ter outros 9 en funcionamento. Facémolo porque é o que necesita a nosa provincia e porque temos o modelo acertado. Iso para nós é o máis satisfactorio: vervos ben a vós e ás vosas familias”, valorou o mandatario provincial. 

Explicou tamén que “as competencias en atención ós maiores correspóndenlle á Xunta, pero se a Xunta mira para outro lado e non é capaz de construír residencias para os veciños da nosa provincia, dende logo, dende a Deputación non vamos deixar de atender nunca as vosas necesidades”.

A Xunta bloqueou a apertura durante máis de dous meses

O Centro de Atención a Maiores de Ribas de Sil estivo listo para abrir no pasado mes de marzo, pero a Xunta de Galicia bloqueou a súa apertura durante máis de dous meses sen razón aparente. No mes de marzo o Goberno galego emitiu un informe desfavorable sobre o Permiso de Inicio de Actividade (PIA), contradicindo os seus propios informes e alegando cuestións que recibiran o aval técnico da Consellería.

A residencia de Ribas de Sil é a sexta que a Deputación pon en marcha nos últimos catro anos e a novena da rede provincial en funcionamento, xunto coas de Trabada, Pol, Ribadeo, Castroverde, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Meira e Navia de Suarna.