Deputación de Lugo
Formación

O Presidente clausura o curso do Centro de Formación Audiovisual coa entrega de diplomas á 19ª promoción

Escola de Audiovisuais
FORMACION
José Tomé Roca amosou a súa satisfacción pola “culminación dunha nova promoción, froito do esforzo da Deputación para ofrecer un ensino público de calidade que se manterá o curso que vén coa gratuidade da matrícula”

O mandatario provincial destacou como fitos desta nova promoción o éxito de Amor Viaxeiro, curta premiada por Netflix e Turespaña, e No se oye, gañadora á mellor curta documental no Festival Internacional de Cine de Ponferrada
-A Gala de Graduación, que tivo lugar nos xardíns do Centro coa asistencia de familiares e amigos dos novos titulados, estivo inspirada no cine dos anos 40

O prazo de solicitude para o curso 2023/24 estará aberto ata o 30 de xuño en https://www.deputacionlugo.gal/gl/temas/audiovisuais/centro_formacion/regrada/matricula. Os interesados poden informarse en info@fundaciontic.org ou en 982 284 667

O Presidente da Deputación en funcións, José Tomé Roca, clausurou este xoves o curso 2022/23 do Centro de Formación Audiovisual (CFA) coa entrega de diplomas á 19ª promoción de graduados en Realización e Produción. Á Gala de Graduación, que tivo lugar nos xardíns do Centro, asistiron familiares e amigos dos novos titulados. O máximo responsable provincial dixo que “para min é unha satisfacción participar nun día tan importante para o noso alumando e para a Deputación, xa que vemos como culmina unha nova promoción, froito do esforzo que facemos para ofrecer á nosa mocidade un ensino público de calidade”.

Neste senso, Tomé Roca sinalou que a aposta da Deputación de Lugo por unha formación de calidade e en igualdade de oportunidades “require dunha decisión política por parte do Goberno provincial. Cando deseñamos os Orzamentos, marcamos unhas prioridades e unhas liñas de actuación e, entre esas liñas, está a de manter a gratuidade da matrícula para o curso que vén, para o que xa está aberto o prazo de solicitude”.

Éxito do modelo educativo do Deputación

O Presidente felicitou aos novos graduados e tamén aos estudantes de primeiro de Produción e Realización, encargados de organizar e gravar a Gala, inspirada no cine dos anos 40, que poderá verse íntegra a través das redes sociais do Servizo de Audiovisuais. José Tomé afirmou que esta Gala “é un exemplo máis do modelo educativo da Deputación, baseado nas prácticas en escenarios reais, que este curso se desenvolveron con total normalidade, tralas dificultades ocasionadas pola pandemia”.

Destacou especialmente dous proxectos levados a cabo polos novos graduados que tiveron proxección fóra da provincia: A curta Amor Viaxeiro, premiada por Netflix e Turespaña, e que se proxectou con moito éxito en Fitur, e o documental No se oye, gañadora do premio á Mellor Curtametraxe Documental na categoría de Escolas de Imaxe e Son no Festival Internacional de Cine de Ponferrada.

O máximo responsable provincial afirmou que “o éxito destes audiovisuais é a mellor proba de que se sumamos a formación que ofrecemos no noso centro con iniciativa, talento, traballo e constancia poden acadarse grandes obxectivos”, e animou aos novos graduados a que sigan cultivando esas calidades na nova etapa que comezan agora “xa que o mercado laboral no mundo audiovisual é moi esixente e competitivo e require profesionais preparados e con iniciativa”.

Gala inspirada no cine dos anos 40

A Gala de Graduación deste ano estivo inspirada no cine do anos 40, polo que todos os deseños, tanto de diplomas, como de invitacións, photocall ou escenario, estiveron baseados nesta época. No caso da orla, representa carteis de películas como Casablanca ou Unha noite na ópera, cos propios alumnos e alumnas como protagonistas. Ademais, durante o acto proxectáronse varios vídeos-resumo dos traballos realizados polo alumnado de segundo durante o seu paso polo CFA: A  Semana do Teatro, programas de televisión, videopoemas ou o Calendario de Advento, entre outros. Tamén se estreou a curta  Re-Fran.

 Prazos de matrícula para o vindeiro curso

O prazo de solicitude para o curso que vén estará aberto ata o 30 de xuño. Todos os mozos e mozas interesados en formarse no CFA xa poden presentar a súa solicitude en https://www.deputacionlugo.gal/gl/temas/audiovisuais/centro_formacion/regrada/matricula ou presencialmente na sede do centro, na rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n.  

A matrícula ordinaria poderá realizarse do 11 ao 24 de xullo. No caso de que queden prazas sen cubrir, abrirase un período de matrícula extraordinara desde o 26 de xullo ata completar o número total.  Para obter máis información ou resolver calquera dúbida, os interesados poden contactar co CFA a través do teléfono 982 284 667 ou do email info@fundaciontic.org.