Deputación de Lugo

A Deputación presenta 9 xovencas da Granxa Gayoso a Poxa de Gando Vacún de Adai que roza o século de vida

POXA
Rubia Galega
O Corgo
ACRUGA
O Deputado de Recursos Sostibles asistiu á cita na que a institución provincial tamén cedeu 10 exemplares para a 36º edición do concurso exposición de gando na parroquia corguesa

O Deputado en funcións de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, xunto ao presidente de ACRUGA, César Dorado Pin, e outras autoridades, participou este sábado na XCVIII Poxa de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega no recinto feiral de Adai, no concello do Corgo. A Granxa Gayoso Castro da Deputación de Lugo presentou 9 xovencas a este certame, e 10 ao concurso exposición que celebra a súa 36º edición. En total, 19 exemplares desta raza autóctona. 

Esta nova edición da poxa e o concurso de Adai acolleu a máis dun cento de animais dunha vintena de explotacións gandeiras achegadas de toda Galicia. A feira corguesa é unha das citas máis importantes do calendario gandeiro da provincia de Lugo.

A Deputación  mantén unha importante colaboración con ACRUGA,  que vén de renovar este ano por outras catro anualidades cunha achega total de preto de 700.000€. Unha cuantía que a entidade percibirá por un importe de 172.000€ desde este 2023 ao 2026. Esta colaboración destínase, por unha banda, ao fomento de actuacións que teñan por obxectivo a potenciación e mellora da actividade económica da provincia coa promoción do noso territorio e dos nosos exemplares autóctonos, e por outra banda, a institución provincial mantén unha colaboración directa con ACRUGA para a recría e mellora xenética dos animais nas instalacións que ten na Granxa Gayoso, no concello de Castro de Rei.