Medio Rural e do Mar, Mocidade

Nova entrega do libro “Os Bolechas van da Escola á Granxa”, que chegará tamén a 300 bibliotecas municipais e de centros escolares

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
medio rural
DA ESCOLA Á GRANXA
Mónica Freire
OS BOLECHAS
A publicación reforza os obxectivos do programa de visitas escolares a granxas e pequenas producións alimentarias da área de Medio Rural da Deputación

A segunda edición do programa Da Escola á Granxa volverá ter a súa versión en papel, cunha nova entrega do libro “Os Bolechas van da escola á granxa”, na que os personaxes creados por Pepe Carreiro visitan as vintenove granxas e pequenas producións alimentarias que participan no programa da Medio Rural da Deputación.

O libro desenvolve de xeito didáctico os obxectivos do programa, amosando aos máis pequenos e pequenas o papel fundamental que o sector primario ten na produción de alimentos e no mantemento da biodiversidade do territorio e da paisaxe. Os Bolechas comparten protagonismo cos granxeiros e granxeiras que participan no programa, a quen o debuxante Pepe Carreiro converteu nuns personaxes máis dese universo infantil.

A publicación repartirase entre os nenos e nenas que participen nas 106 visitas a granxas e obradoiros de divulgación ambiental previstas na segunda edición do programa Da Escola á Granxa. Como novidade, este ano distribuiranse tamén entre 300 bibliotecas municipais e de centros escolares públicos de toda a provincia.

A deputada Mónica Freire explicou que a colaboración coa editorial Bolanda “aproveita a popularidade dos Bolechas entre os máis cativos para abordar os obxectivos do programa da Escola á Granxa, que pretende dignificar e poñer en valor o traballo que se desenvolve no rural en beneficio de toda a sociedade” e remarcou que “a publicación estará a disposición de todas as nenas e nenos ao distribuírse entre as bibliotecas”.

Ao longo do libro, Os Bolechas aprenden sobre as orixes agricultura e da gandeiría como actividades humanas, da evolución dos utensilios de labranza, da pegada destas actividades na paisaxe e na cultura para logo visitar cada unha das granxas que participan no programa Da Escola á Granxa e coñecer como coidan os animais e cultivan e elaboran os alimentos.

Así, visitan A Casa Labradela de Xove, Galletas Daveiga de Chantada, Fraga do Coto de Vilalba, Fundación Terreo da Ribeira de Piquín, Gandería Alejandro Salvatierra de A Pontenova, Gandería Quintián do Páramo, Gandería Lois Varela de Palas de Rei, Granxa Aeiroá de Láncara, SAT Lodos e Pérez de A Pastoriza, SAT O Palomar de Láncara,Traloagro de Friol, Airas Moniz de Chantada, Arqueixal de Palas de Rei,  Cooperativa A Carqueixa de Navia de Suarna, Embutidos Suarna de Navia de Suarna, Sen Máis – As Vacas de Ulloa de Palas de Rei, Terras da Mariña – IXP Faba de Lourenzá,  Tropic Gaia de Xove,  Caurelor de Quiroga, A Casa da Fonte de Pantón, Avicava Natur de Guntín, Casa Bértolo de Friol, Champivil, El País del Abeyeiro de Negueira, Granxa da Caldaloba de Cospeito, Granxa Teixeiro e Pistón de Becerreá, Milhulloa de Palas de Rei, Pazo de Vilane de Antas de Ulla e o Muvicla de Láncara.