Deputación de Lugo

A Deputación felicita á nova promoción de enxeñeiros e á primeira do Grao de Robótica do Campus de Lugo

educación
USC
Campus Terra
enxeñería
robótica
O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento asistiu este sábado ás graduacións destes estudos, puxo en valor o papel da Deputación de Lugo como a institución provincial que maior colaboración presta a unha universidade pública en España, porque “cremos que a educación pública é a mellor ferramenta para garantir a igualdade de oportunidades e para favorecer un desenvolvemento social e económico xusto e sostible”

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, participou este sábado no acto de graduación dunha nova promoción de alumnos e alumnas do Grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, do Grao en Enxeñaría Civil, do Grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, e do dobre Grao en Enxeñaría Agrícola e agroalimentaria e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural da Universidade de Santiago de Compostela, impartidos no Campus de Lugo.  O Salón de Actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñería acolleu este acto no que a Deputado felicitou aos graduados e ás súas familias e reivindicou o papel da Universidade pública. 

Ademais, tamén asistiu á graduación da primeira promoción do Grao en Robótica, que se celebrou a continuación no Salón de Actos da Facultade de Veterinaria. “Abristes camiño e seguides abrindo camiño. Un camiño de novas oportunidades para vós, a nivel laboral pola alta demanda desta especialidade, e novas oportunidades para a provincia de Lugo, polo valor engadido que aporta a vosa formación, e polo coñecemento e a innovación que se xera aquí e que se transfire á sociedade e ó tecido produtivo”, subliñou o Deputado. Así mesmo, engadiu que para a Deputación de Lugo “é un orgullo comprobar o éxito desta nova aposta formativa, que, ademais, simboliza o dinamismo e a capacidade do noso Campus para situarse á vangarda e ofrecer o que a sociedade e o mercado laboral demanda”.

Nos dous actos Fernández puxo en valor o papel da Deputación de Lugo como a institución provincial que maior colaboración presta a unha universidade pública en España, porque “cremos que a educación pública é a mellor ferramenta para garantir a igualdade de oportunidades e para favorecer un desenvolvemento social e económico xusto e sostible”.