Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación inicia o estendido do aglomerado na estrada do Saviñao entre Porto e Córneas

O Saviñao
REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS
Os traballos que afectan ao treito situado entre os puntos quilométricos 6,485 e 8,025, nos que a institución inviste preto de 70.000€, obrigan a pechar a vía provincial LU-P-5802 durante un máximo de catro días

A Deputación de Lugo iniciou este mércores a renovación do asfaltado dun tramo da LU-P-5802, que conecta Porto e Córneas no concello do Saviñao, un proxecto no que a institución provincial inviste preto de 70.000€. Os traballos, que afectan ao treito que vai desde o punto quilométrico 6,485 e 8,025, obrigan a pechar a vía provincial durante un máximo de catro días.

Os traballos de rehabilitación do firme que se están a levar a cabo consisten na limpeza de laterais e obras de drenaxe, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización horizontal mediante marcas reflexivas brancas. 

Con esta actuación, a Deputación suma xa máis de 600.000€ de investimento desde o ano 2019 nas diferentes estradas do Saviñao co fin de manter así o tránsito dos usuarios e usuarias coas mellores garantías de comodidade e seguridade. 

En concreto, a Deputación acondicionou cinco estradas provinciais nestes anos. A LU-P-4202, que vai de Pacios a Currelos, pasando por Aldosende, entre os puntos quilométricos 17,2 e 21,9 e cun investimento de 96.800€; o firme da LU-P-4112, que une Reguengo con Lamaquebrada con 26.600€; a LU-P-5811, dende O Torno a Gorgoz con 175.450€ nos primeiros 4 quilómetros; a LU-P-5804, dende Rebordondiego a Morgade pasando por Aiaz entre os quilómetros 3,9 e 10,9, e a LU-P-5801 dende a igrexa da Cova nos primeiros 3 quilómetros cun investimento que superou 260.000€.