Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Reunión do comité técnico da feira agrogandeira ExpoLugo A Rural para avanzar no programa da vindeira edición

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
medio rural
expolugo
FEIRA AGROGANDEIRA
COMITÉ TÉCNICO

A área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo traballa na organización da vindeira edición da feira agrogandeira ExpoLugo A Rural, enmarcada nas festas do San Froilán. O comité técnico, no que están representadas as asociacións gandeiras e profesionais que veñen participando na feira, reuniuse este luns para avanzar no traballo previo á feira, que se celebrará o 7 e o 8 de outubro no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.

Na xuntanza participaron Iván Rodríguez, director técnico da Asociación de Criadores de Porco Celta (Asoporcel), Amaia Santamarta, directora técnica da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), Isabel Casariego, veterinaria da Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga),  Jesús Cantalapiedra,  veterinario oficial da Consellería de Medio Rural e José Luis Benedito, presidente do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo, así como Rubén López, xerente do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e Carlos Rodríguez, enxeñeiro agrónomo da área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.

Do Comité, que ten funcións de asesoramento, forman parte tamén a Federación Galega de Razas Autóctonas (Boaga), a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) e o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo.

O grupo de traballo xurdiu en outubro de 2021 a iniciativa da área Medio Rural, Mar e Mocidade, co obxectivo de proporcionar representatividade a todos os axentes involucrados na organización do evento para entre todos eles poder definir os obxectivos a acadar e os medios necesarios para a organización da mesma.

A posta en valor da produción agrogandeira da provincia de Lugo mantense como prioridade da mostra, que reforzará as actividades dirixidas á promoción e exaltación da calidade dos produtos e á formación no ámbito da profesionalización dos sectores produtivos, dous ámbitos nos que xa se introduciron novidades en edicións pasadas.