Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación apoia a actividade da Fundación TerrEO de Ribeira de Piquín para crear emprego no rural

Xunta de Goberno
A Xunta de Goberno aprobou destinar 100.000€ entre este 2023 e o ano 2027 para o funcionamento da entidade, que ten actualmente en marcha tres liñas de actuación: unha piscifactoría, un polígono agroecolóxico e unha explotación de Porco Celta

A Deputación colabora co Concello de Vilalba cunha aportación de 27.000€ para a organización das festas patronais de San Ramón e Santa María

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou colaborar coa Fundación TerrEo, impulsada polo Concello de Ribeira de Piquín para favorecer o dinamismo económico e a creación de emprego no rural, facendo unha achega de 100.000€ en catro anualidades -entre este 2023 e o ano 2027-, que estará destinada á contratación da xerencia da entidade.

Así o explicou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen lembrou que con este convenio de colaboración a institución provincial reforza o seu apoio á actividade da Fundación TerrEO, pois xa coopera para o funcionamento da piscifactoría de Santalla, unha das tres liñas de actuación que actualmente ten en marcha esta entidade, xunto cun polígono agroecolóxico e unha explotación de Porco Celta.

“Comprometémonos con esta iniciativa porque concorda co modelo de desenvolvemento rural que defendemos na Deputación”, pois aproveita “os enormes recursos e potencial que temos na provincia para crear riqueza e emprego, e polo tanto, contribúe a fixar poboación”, subliñou a Deputada. 

Por outra banda, no marco da liña permanente de cooperación cos concellos da provincia, a Xunta de Goberno aprobou colaborar co Concello de Vilalba cunha achega de 27.000€ para a organización das festas patronais de San Ramón e Santa María, que este ano se celebrarán entre o 23 de agosto e o 3 de setembro.

García Porto destacou que se trata duns festexos que supoñen “un auténtico revulsivo económico para a capital chairega, sobre todo no sector da hostalería, do comercio e do turismo, porque a vila recibe a milleiros de persoas para desfrutar da cita festiva”.

Mellora de vías en Guitiriz e Barreiros

A Xunta de Goberno celebrada hoxe deu luz verde á solicitude do Concello de Guitiriz para destinar á pavimentación da rúa da Soidade os 12.200€ de remanentes resultantes da execución das obras para acondicionar un paseo peonil na rúa Manuel María, financiadas pola Deputación de Lugo.

Así mesmo, saíu adiante a petición do Concello de Barreiros para destinar remanentes do Plan Único 2023 por importe de 34.700€ ao acondicionamento e a rexeneración de accesos a seis campos da festa do municipio: Cabarcos, Matomaior, Sante, Romiña-O Barreiro, Vilar e Proida-Camiño Real.

A Xunta de Goberno aprobou o último trámite para o pago dunha subvención de 6.000€ á comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santa Cruz e Capela de Ove, en Ribadeo, para o equipamento do seu local social. Esta axuda foi concedida dentro do programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios da Deputación de Lugo.