Deputación de Lugo
Turismo

35.000 persoas desfrutaron no que vai de tempada das rutas en catamarán pola Ribeira Sacra, 22.000 este verán

catamaráns
A Voceira socialista do Goberno e Deputada de Promoción do Territorio e Turismo fixo balance deste servizo provincial coa previsión de superar os viaxeiros do ano pasado

“É unha satisfacción que se consolide ano tras ano como un reclamo de primeiro nivel porque xera un retorno económico moi importante na zona e porque favorece o modelo de turismo sostible, de calidade e experiencias polo que traballamos dende a Deputación”

A Voceira socialista da Deputación de Lugo e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, fixo balance este venres en rolda de prensa dos “bos datos” que este ano están rexistrando as rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra, unha oferta de ocio que ofrece a institución provincial dende o 1 de abril e que se alargará ata a ponte de decembro.

García Porto informou de que no que vai de tempada de verán, dende o 15 de xullo ata esta mesma semana, preto de 22.000 persoas realizaron algunha das viaxes, e delas, 18.000 fixérono no último mes e medio, entre o 1 de xullo e o 15 de agosto.

Desta forma, dende o inicio da tempada, a cifra total de viaxeiros supera os 35.000, aos que hai que engadir as 10.300 prazas que están reservadas ata final de ano, cando rematarán as viaxes deste 2023. 

“Tendo en conta estes datos, e tendo en conta tamén que nos meses de setembro e outubro este servizo é moi demandado, pois é cando se fai a vendima e as paisaxes da Ribeira Sacra se volven aínda máis vistosas, prevemos que as visitas desta tempada acabarán superando ás do pasado ano”, explicou a Voceira.

Así mesmo, analizou unha tendencia que se vén dando neste servizo provincial nos últimos anos cun aumento de viaxes en grupo, con máis de 180 no que vai de ano, e de viaxeiros nacionais. García Porto tamén destacou “un aumento nos viaxeiros internacionais, con presencia de persoas de Sudáfrica, Estados Unidos, Canadá ou Estonia, onde temos contabilizados polo menos 40 viaxeiros”.

“É unha satisfacción que este servizo se vaia consolidando ano tras ano como un reclamo turístico de primeiro nivel para a Ribeira Sacra porque xera un retorno económico moi importante na zona e porque favorece o modelo turístico polo que traballamos”, subliñou Pilar García Porto, recordando que a Deputación aposta por un turismo sostible, de calidade e experiencias, que coida o patrimonio e que deixa valor no territorio, “o que resulta determinante para fixar poboación no rural da provincia de Lugo”.

As rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra continuarán ata a ponte de decembro. As persoas interesadas teñen toda a información e poden reservar a través da páxina web da institución provincial e en reservas.rutasembalses.es

Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios

A Voceira provincial socialista realizou este balance tras a reunión da Xunta de Goberno deste venres, na que o Executivo aprobou o último trámite administrativo para o pago de subvencións por un importe total de 11.000€ a dúas entidades asociativas que resultaron beneficiarias do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, que impulsa a Deputación de Lugo.

A Agrupación Aldea de Abaixo, de Riotorto, recibirá preto de 5.000€ para a reparación e mantemento dun depósito de auga neste núcleo rural e a Asociación de Veciños A Caxigueira de Castroverde percibirá 6.000€ para a adecuación do firme da pista que une Mirandela coa estrada provincial LU-P-0502, que conecta Baralla, por Guimarei, á de Souto de Torres a Sobrado. 

Co Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, a Deputación colabora economicamente con entidades asociativas da provincia, como agrupacións veciñais, comunidades de augas e de montes, e asociacións de gandeiros, agricultores ou produtores forestais, para acometer obras en servizos, equipamentos e infraestruturas que inciden no seu día a día, tales como pistas, accesos, locais sociais, traídas de auga, fontes ou espazos públicos comunais. “Estamos contribuíndo así a mellorar a súa calidade de vida e, desta forma, a fixar poboación no noso rural”, destacou a Deputada.