Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente enxalza en Castroverde a Feira de Artesanía e Gastronomía, que ten un importante retorno económico para a localidade

Castroverde
José Tomé Roca participou este domingo xunto ao Alcalde na inauguración da décimo sexta edición da cita, coa que colabora a institución provincial porque contribúe “a poñer en valor o traballo dos artesáns, xerar riqueza e, polo tanto, axudar a fixar poboación no noso rural”

O encontro, que rexistrou un novo éxito de público, reúne a un centenar de profesionais nos pendellos da Feira, conta durante toda a xornada con obradoiros artesanais, demostracións en vivo, música, maxia e unha concentración de motos e coches clásicos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este domingo xunto ao Alcalde de Castroverde e Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias, na inauguración da Feira de Artesanía e Gastronomía, que chega á súa décimo sexta edición plenamente consolidada como unha cita de referencia na comarca e na provincia. De feito, o encontro rexistrou un ano máis un éxito de público, que coñeceu nos pendellos da Feira o traballo dun centenar de artesáns.

José Tomé enxalzou esta cita, coa que colabora a institución provincial cunha achega económica de preto de 20.000€ a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos e tamén coa súa difusión, posto que esta feira, destacou o Presidente, “contribúe a poñer en valor o traballo dos artesáns e a dinamizar as súas vendas, e porque xenera un importante retorno económico para Castroverde”. Uns obxectivos, subliñou “cos que estamos firmemente comprometidos na Deputación, porque desta forma, estamos xerando riqueza e axudando a algo tan necesario como é fixar poboación no noso rural”.

O Presidente provincial, acompañado polo Alcalde castroverdense e outras autoridades, fixo un percorrido polo recinto feiral para saudar aos feirantes que, durante toda a xornada, exhiben nos pendellos da vila as súas pezas e ofrecen demostracións en vivo de oficios tradicionais como cestaría, oleiría ou instrumentos musicais.

Tomé Roca felicitou ao rexedor e ao seu equipo de goberno pola celebración desta cita, que dende o primeiro ano tivo unha gran acollida. “O Concello acertou coa proposta de dedicar unha feira a dous dos nosos grandes sinais de identidade, como son a artesanía e a gastronomía, e por facelo neste lugar tan fermoso, tan emblemático e con tanta personalidade, como é A Feira e os seus pendellos”. Pero, detrás deste éxito, subliñou o mandatario provincial, “tamén está a implicación de toda a vila, que desde o primeiro momento, sentiuse parte desta feira. Veciños, empresas e asociacións, todos se volcan para ofrecer unha variada oferta de lecer e cultural, e que Castroverde luza o mellor posible nesta xornada”.

Ademais das demostracións en vivo, o recinto feiral acolle ao longo de toda a xornada actividades como obradoiros artesanais, actuacións musicais e unha concentración de motos e coches clásicos, así como inchables nas piscinas municipais e maxia a cargo do Mago Teto para os máis pequenos. O publicista nado en Castroverde, Enrique González, foi o encargado de dar o pregón.