Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo aproba licitar en 1,5M€ as obras que completarán o desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena

A Xunta de Goberno acordou este venres arrancar o proceso para contratar os traballos, que afectan ao tramo que vai da glorieta 25-N á de Benigno Rivera, dándolle así continuidade aos xa acometidos entre o cruce coa Ronda Norte e a glorieta 25-N, que levan máis dun ano en servizo cun “excelente resultado e valoración” pola veciñanza

A institución provincial e o Concello de Lugo están “en permanente coordinación para que as tarefas que asume cada administración vaian paralelas e acompasar así os tempos”. Desta forma, “en canto estean expropiados os terreos, poderán comezar de inmediato as obras, pois, co proceso iniciado hoxe, xa estarán adxudicadas”

A actuación urbanística, cun prazo de 12 meses unha vez iniciada, segue “criterios de humanización e sostibilidade, para seguir mellorando a seguridade e a comodidade dos peóns, ciclistas e condutores nesta vía, a principal entrada a Lugo dende a parte norte, cunha gran actividade comercial, que conecta co Ceao e distribúe o tráfico pola cidade”

“Na Deputación de Lugo continuamos traballando pola provincia coa mesma intensidade e firmeza que sempre demostramos, cun único obxectivo, que é mellorar as dotacións e servizos dos veciños e veciñas con proxectos tan importantes coma este”, subliñou Pablo Rivera

A Xunta de Goberno aprobou tamén a licitación das obras para a construción dun aparcamento no polígono industrial de Paradela, que xestiona a institución provincial, por un importe que alcanza os 145.300€

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación das obras que completarán o desdobramento e a humanización da Avenida Infanta Elena, por un importe que ascende a 1,5M€. Con esta segunda fase das obras, que afectan ao tramo que vai da glorieta 25-N á de Benigno Rivera, a institución provincial dará continuidade ao proxecto xa acometido nunha primeira fase, cun investimento de máis de 1M€, no treito que discorre entre o enlace da Avenida Infanta Elena coa Ronda Norte e a glorieta 25 de Novembro. 

“Seguimos o mesmo modelo de colaboración entre a Deputación e o Concello de Lugo, tal e como quedou formalizado no convenio que asinaron a finais de marzo o Presidente provincial, José Tomé Roca, e a Alcaldesa, Lara Méndez”, apuntou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen destacou “que estamos en permanente contacto e coordinación co Concello de Lugo para que as tarefas que debemos facer cada unha das administracións vaian paralelas e acompasar así os tempos, co obxectivo de acometer o proxecto da maneira máis áxil posible”. Desta forma, engadiu, “lograremos que, en canto estean expropiados os terreos, poderán comezar de inmediato as obras, pois, co proceso que iniciamos hoxe, xa estarán adxudicadas”. 

A Deputación  financia integramente as obras cun investimento de 1,5M€, ademais de redactar o proxecto técnico e encargarse da contratación e da execución dos traballos. Pola súa banda, o Concello promove a obra e aportará os terreos para acometer a actuación.

Rivera Capón lembrou que a primeira fase da renovación, que leva un ano en servizo, “tivo un resultado excelente e está moi ben valorada polos veciños”. Polo que, nesa mesma liña a institución provincial acometerá “unha actuación urbanística coidada, con criterios de humanización e sostibilidade, para continuar mellorando a seguridade e a comodidade dos peóns, dos ciclistas e dos condutores”. Unha actuación, engadiu, “acorde coa entidade desta Avenida, que é a principal vía de entrada e saída da cidade de Lugo pola súa parte norte; que concentra unha gran actividade comercial; que comunica co polígono industrial do Ceao; e que actúa como distribuidora do tráfico pola cidade”. 

A Deputación cumpre

Polo tanto, desde a Deputación de Lugo, subliñou o Deputado, “continuamos traballando pola provincia coa mesma intensidade e firmeza que sempre demostramos, cun único obxectivo, que é mellorar as dotacións e servizos dos veciños e veciñas con proxectos tan importantes coma este”. Mentres tanto, destacou, “temos que lamentar que a Xunta de Galicia segue sen cumprir con Lugo e, por riba, lonxe de ofrecer unha colaboración leal, vemos frecuentemente como centra esforzos en entorpecer o labor que outras administracións, como esta institución provincial, estamos a facer para que a provincia conte con máis e mellores infraestruturas”. 

O proxecto

A segunda fase das obras para o desdobramento e humanización da Avendida Infanta Elena que a Deputación vén de licitar esta mañá en Xunta de Goberno terán un prazo de execución de 12 meses, unha vez iniciadas. 

Entre a glorieta 25-N e a da Garaballa, a marxe dereita da calzada pasará de dous carrís de circulación a tres, cun ancho total de 10,25 metros. Polo que respecta á marxe esquerda, manterase a distribución de tres carrís existente, cunhas beirarrúas de 2,25 metros de ancho e un carril bici que dará continuidade ao do tramo anterior. O proxecto contempla tamén a humanización da mediana central, que xa conta con céspede natural, na que se plantarán árbores e especies arbustivas.

O treito da glorieta da Garaballa á de Benigno Rivera contará con dúas marxes de calzada dun ancho de 10,25 metros cada unha, distribuídas en tres carrís de circulación por sentido. Ademais, a marxe dereita dotarase dun carril bici cun ancho de 3 metros, e no caso das beirarrúas terán 4,05 metros de ancho a ambos lados, con  árbores, iluminación, bancos e papeleiras.

Estes traballos tamén inclúen a renovación dos servizos de abastecemento, saneamento e alumeado público, tendo en conta a situación actual e as demandas futuras que poida ter a contorna, como pode ser o desenvolvemento de solos urbanos ou urbanizables. Esta proxecto vertebra todas as súas accións tendo en conta o Plan de Mobilidade e Espazo Público de Lugo.

Creación dun aparcamento no polígono industrial de Paradela

A Xunta de Goberno deste venres sacou adiante tamén a licitación das obras para a construción dun aparcamento no polígono industrial de Paradela, que xestiona a institución provincial, por un importe que alcanza os 145.300€.

A zona de estacionamento situarase na entrada do parque empresarial, xusto ao carón da estrada provincial LU-P 4201, á altura do quilómetro 1,2. Os traballos proxectados consisten na demolición e movemento de terras, na renovación da rede de pluviais, e no posterior acondicionamento e sinalización do firme. 

A creación do aparcamento “dará un maior servizo ós empresarios e empresarias que xa están asentados no polígono de Paradela, pero ademais será un valor engadido para atraer novos proxectos empresariais á zona”, destacou o Deputado de Promoción Económica e Social.

Revisión excepcional de prezos

Ademais, a Xunta de Goberno sacou adiante a revisión excepcional de prezos en relación con tres obras de mellora de estradas provinciais, derivado do contexto de inflación a raíz da invasión de Ucraína.

En concreto, a institución provincial acordou incrementar en preto de 35.000€ o orzamento das obras na estrada de Ribadeo a Vilela, a LU-P-5207, polo que o custe definitivo desta actuación é de preto de 442.500€. Tamén se acordou subir en practicamente 38.000€ os custes das obras na estrada provincial que une o concello da Pastoriza con Muimenta, en Cospeito, quedando un prezo final de 290.000€; e para  a renovación da LU-P-4304, que une A Pobra de San Xiao co Páramo, aumentando  o orzamento en 24.000€, facendo un custe final de 379.000€.

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou o orzamento definitivo das obras de emerxencia que acometeu a Deputación a consecuencia do temporal de choivas de principios de ano, nas estradas LU-P-1801, que une Chantada cos Peares por Nogueira, e da LU-P-1010, que comunica coa presa do Peares, en Carballedo. O investimento final dos traballos para arranxar os danos ocasionados ascende a 674.000€.

Contratación de servizos

A Xunta de Goberno deste venres acordou licitar varios contratos. Por un lado, aprobou a adquisición de novos equipamentos e material informático por 86.928, para renovar e actualizar a infraestrutura tecnolóxica nos postos de traballo da Deputación.

Tamén saíu adiante por 620.000€ o contrato para adquirir emulsión asfáltica destinada aos traballos que realiza o Parque Móbil da institución, cunha contía estimada en base a un consumo de 1.250 toneladas semestrais por un prezo de 496€ por tonelada, e prorrogable por outros 6 meses.

Así mesmo, aprobouse licitar por primeira vez o contrato para a roza e mantemento de parcelas forestais de titularidade provincial. O contrato, cun importe de 24.000€, terá unha duración de un ano, prorrogable por outros dous.

Colaboración coa Asociación de Mulleres Empresarias

A Xunta de Goberno aprobou tamén unha colaboración económica coa Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo para desenvolver o programa formativo Aulas Abertas, dirixido a favorecer o autoemprego feminino e as novas oportunidades de negocio para mulleres emprendedoras. A institución provincial ahega 39.900 euros, mentres que o colectivo asume o resto do total de 42.000 euros que ten o orzamento do programa.

Apoio ao Concello de Barreiros

Por outra banda, aprobou un protocolo de colaboración entre a Deputación e o Concello de Barreiros para o financiamento de obras de adecuación e mellora do pavillón municipal, concretamente, para a zona do ximnasio e para a dotación de servizos básicos nas instalacións.