Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente da Deputación celebra o éxito da 31ª Festa da Malla de Meira, que reuniu a milleiros de persoas

Malla de Meira
tradición
José Tomé Roca, xunto ao Alcalde, Antonio de Dios, destacou o poder de convocatoria desta xornada festiva de Interese Turístico Galego, da que lembrou “é a referente porque foi a primeira en celebrarse en Galicia, e detrás dela viñeron todas as demais”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistiu este domingo á 31ª Festa da Malla de Meira, un encontro declarado de Interese Turístico Galego, xunto ao Alcalde da localidade, Antonio de Dios, e os Deputados de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e de Medio Ambiente, Carlos López López, tamén Alcalde da Fonsagrada. O mandatario provincial compartiu cos milleiros de veciños e visitantes esta xornada festiva, cuxo gran atractivo son as demostracións que rememoran o ancestral proceso dos traballos agrícolas cos que se batía o cereal para separar o grao da palla. 

José Tomé deu os parabéns á Asociación de Amigos da Malla de Meira e ao Concello polo intenso traballo que hai detrás da organización desta cita, e porque a malla meirega sempre demostra o seu gran poder de convocatoria, da que lembrou “é a referente porque foi a primeira en celebrarse en Galicia, e detrás dela viñeron todas as demais”. Esta manifestación popular “promove e recupera tradicións do noso campo que esmorecerían no tempo, de non ser por estas iniciativas”. 

“É un pracer ver xuntarse aos veciños e veciñas para realizar estas tarefas como se facía antigamente en tempos de mallar, e tamén como as novas xeracións se empapan destas costumes tan enraizadas no noso campo”, subliñou. Esta cita transmite valores cos que nos sentimos comprometidos desde a Deputación, engadiu José Tomé, porque “promover as tradicións é unha maneira de manter vivo o noso rural e de dinamizar a economía de pequenos municipios coma este”.

A Festa da Malla naceu no ano 1992 pola iniciativa dun grupo de veciños e veciñas, que logo deron lugar á formación da Asociación de Amigos da Malla, co obxectivo de dar valor a este oficio tradicional. A xornada conta con numerosas actividades ao redor da malla, como as exposicións de artesanía e de maquinaria antiga, así como propostas para os máis pequenos, música tradicional ou un xantar popular.