Deputación de Lugo
Economía
Turismo

O II Mercado de Oficios do Corgo exhibe a tradición artesanal con apoio da Deputación

MERCADO
OFICIOS TRADICIONAIS
O Corgo

A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, participou este domingo no Corgo na segunda edición do Mercado de Oficios, que exhibe esta fin de semana diante do edificio da Cámara Agraria da localidade o traballo de numerosos profesionais da artesanía, como a cerámica, a cestaría, a sillería ou a maquetería en madeira.

Morandeira destacou a importancia desta cita, coa que colabora a Deputación a través dunha achega económica de 2.000 euros para a súa celebración. “Este tipo de encontros son fundamentais para demostrar a importancia cultural, social e económica da nosa actividade artesanal. Dende a Deputación buscamos estar a carón dos veciños e dos concellos que apostan por estas iniciativas porque son unha grande oportunidade para dinamizar a vida social e a actividade económica na nosa provincia”.

O Mercado de Oficios, que organiza a Asociación de Veciños Os 5 Ríos coa colaboración do Concello, inclúe ademais na súa programación degustacións de cordeiro á grella, actuacións musicais, postos de alimentación e unha exposición de maquinaria nova e usada, así como a presentación dos pilotos do Rally do Corgo.