Deputación de Lugo
Economía

A Deputación colabora co Forum de Innovación e Formación sobre Vehículos que se celebra esta semana en Ribadeo

Apaga
A Deputada de Economía, Mayra García Bermúdez, participou este mércores na inauguración desta cita organizada pola Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) á que acoden 50 profesionais do sector, estudantado e afeccionados

“Temos un firme compromiso de colaboración co tecido asociativo, social ou profesional, da nosa provincia, e os obxectivos de APAGA, coa súa aposta pola formación e a información, benefician, non só a un amplo conxunto de profesionais do sector, senón ao conxunto da sociedade”, subliñou a Deputada

A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, participou este mércores na inauguración do XII Forum de Innovación e Formación sobre Vehículos, organizado pola Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) en Ribadeo. Esta cita, que reúne a 50 profesionais, estudantes e afeccionados do sector, celébrase ata o venres e conta con numerosas actividades relacionadas co mundo da automoción. 

A Deputación colabora con esta xornada cunha achega económica de 3.000 euros co obxectivo de impulsar e apoiar o sector do automóbil. García Bermúdez valorou este apoio a APAGA e puxo en valor a importancia destas xornadas cun programa “que cada ano vén máis completo e con conferencias de alto nivel”. “O sector da automoción está experimentando un complexo proceso de renovación e resulta crucial crear este tipo de espazos de encontro, de reflexión e de aprendizaxe”, engadiu na súa intervención. 

 “A Deputación de Lugo ten unha firme aposta de colaboración co tecido asociativo -social ou profesional– da nosa provincia. E os obxectivos fundacionais de APAGA, coa súa aposta pola formación e pola información, benefician, non só a un amplo conxunto de profesionais do sector, senón que aportan seguridade e coñecemento ó conxunto da sociedade”, subliñou a Deputada, quen recalcou a especial capacidade deste colectivo “para integrarse en proxectos pioneiros de formación a nivel internacional, englobados baixo o prestixioso paraugas das políticas Erasmus+ da Unión Europea”.

García Bermúdez tamén tivo palabras para o alumnado, pedíndolle que aproveite “ao máximo aos conferenciantes e persoas que van pasar por aquí para darlle resposta ás súas inquedanzas e seguir medrando como profesionais”, ao tempo que tamén os animou a que no seu tempo de lecer estes días “coñezan Ribadeo e esta marabillosa comarca, onde estou segura de que seredes moi ben recibidos”. 

No acto de inauguración tamén participaron o presidente de APAGA, Álvaro Doural Leiras, o Alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, e a xefa territorial de Cultura da Xunta de Galicia en Lugo, Sagrario Sánchez. 

Logo da apertura do foro, esta décima segunda edición acolleu unha conferencia a cargo do enxeñeiro Manuel Lage sobre a historia do automóbil en España. Así mesmo, está previsto que se afonde en temas de interese para o sector, como os novos motores de hidróxeno e os vehículos eléctricos. Ao longo desta semana contarase coa participación de empresas como Robert Bosch, Anest Iwaca Ibérica ou URO Vehículos Especiais, entre outras conferencias e actividades. No marco do programa das xornadas tamén está previsto que as persoas que integran APAGA elixan unha nova directiva.