Deputación de Lugo
Economía
Emprego

A Deputación de Lugo xa asesorou gratis a 1.230 empresas da provincia para avanzar en dixitalización co plan Acelera PEMES

ACELERA PEMES
Emprego
Promoción Económica e Social
Atendéronse máis de 1.600 consultas dende a súa posta en marcha hai medio ano, o que “evidencia que este programa está sendo de gran interese para as pequenas e medianas empresas que traballan no noso territorio”, subliñou a Voceira socialista do Goberno provincial

A iniciativa, cofinanciada polo Goberno de España e a institución provincial cun investimento conxunto de medio millón de euros, serve para que as empresas e autónomos aproveiten os recursos que ofrece a dixitalización e as novas tecnoloxías para modernizar e mellorar o seu negocio

A Deputación despregou a 7 axentes dixitais que percorren as comarcas e tamén instalou oficinas para prestar asesoramento e acompañamento gratuíto nos concellos de Viveiro, Lugo, A Fonsagrada, Láncara, Monforte e Vilalba

García Porto: “Fortalecemos o apoio ao tecido produtivo da nosa provincia como unha das liñas de actuación prioritarias que temos no Goberno provincial, pois, xunto coa dotación de servizos públicos de calidade, é un factor esencial para fixar poboación no noso rural”

A Deputación de Lugo xa prestou asesoramento gratuíto a 1.230 empresas da provincia de Lugo en materia de transformación dixital grazas ao programa Acelera PEME que ten en marcha dende hai medio ano. Así o informou hoxe a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, quen lembrou que esta iniciativa impúlsaa o Goberno do Estado para fortalecer e para facer máis competitivo o tecido empresarial do país a través da transformación dixital.

A día de hoxe, no marco deste proxecto, a Deputación atendeu máis de 1.600 consultas. “É un volume de actividade moi bo en apenas medio ano, o que evidencia que este programa está sendo de gran interese para as pequenas e medianas empresas que traballan no noso territorio”, subliñou García Porto. 

A iniciativa, explicou a Deputada, serve para que as pequenas e medianas empresas da provincia e os autónomos aproveiten os recursos que ofrece a dixitalización e as novas tecnoloxías para modernizar e mellorar o seu negocio. Desta maneira, “gañan en competitividade, en produtividade e en eficiencia, e tamén é moi útil para que abran novas oportunidades de negocio”. 

“As experiencias que estamos tendo son moi positivas, sobre todo naqueles concellos de menos de 5.000 habitantes, onde estamos focalizando máis os esforzos, ao ser onde detectamos que é máis necesario”, explicou, ao tempo que avanzou que o seguinte paso que dará a Deputación será, a partir de mediados de setembro, poñer a funcionar un servizo móbil que percorrerá todos os concellos para facer presentacións e chegar a máis empresas. “Faremos reunións para explicar polo miúdo o programa e chegar ao maior número de persoas posible. Iremos informando puntualmente para que a xente saiba en que localidade imos estar cada día”, indicou.  

García Porto destacou que con este proxecto “fortalecemos o apoio ao tecido produtivo da nosa provincia como unha das liñas de actuación prioritarias que temos no Goberno provincial, pois, xunto coa dotación de servizos públicos de calidade, é un factor esencial para fixar poboación no noso rural”.

7 axentes dixitais
A Deputación conta con 7 axentes dixitais que se moven polas diferentes comarcas para establecer contacto con empresas, ofrecerlles axuda de maneira gratuíta e indicarlles como poden solicitar o Kit Dixital. Ademais, instaláronse oficinas para prestar asesoramento e acompañamento gratuíto nos concellos de Viveiro, Lugo, A Fonsagrada, Láncara, Monforte e Vilalba.

Neses encontros coas empresas estudan a situación da que parte cada unha delas e buscan ferramentas que encaixen coa súa actividade para beneficiar o seu volume de negocio. Por exemplo, axúdanlles a crear redes sociais e impulsalas para que teñan máis seguidores, tamén á posta en marcha de Whatsapp Business para que interactúen coa súa clientela ou implantan solucións dixitais específicas do seu sector que son moi útiles para os negocios. 

A maiores de visitalas presencialmente, tamén as chaman e manteñen comunicación con elas por correo electrónico, coa fin de resolver todas as dúbidas e inquedanzas que haxa. 

O programa Acelera PEMES está dotado con medio millón de euros, dos cales o 80% (400.000€) proceden da Unión Europea a través da entidade pública empresarial Red.Es, dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, e o 20% (100.000€) da propia Deputación de Lugo.