Cooperación concellos
Deputación de Lugo

Arranca en Lourenzá o curso de verán sobre a figura e obra de Fernández del Riego co apoio da Deputación

Letras Galegas
Francisco Fernández del Riego
O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto, xunto coa Alcaldesa, Rocío López, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o reitor da USC, Antonio López, participou na inauguración do curso de verán Francisco Fernández del Riego na Cultura Galega do Século XX, que acollerá o municipio mariñano ata o mércores

A institución provincial colabora cunha achega de 60.000€ co Concello laurentino na organización do Ano de Fernández del Riego, do que forma parte esta iniciativa

“Está sendo unha oportunidade magnificamente aproveitada para afondar na traxectoria do autor, enriquecéndonos así como sociedade e como país, e tamén para proxectar o patrimonio, o talento e todas as capacidades que ofrece Lourenzá, A Mariña e o conxunto da provincia”, subliño o Deputado provincial

O Deputado de Recursos Sostibles e Alcalde de Foz, Francisco Cajoto, participou este luns en Lourenzá na apertura do curso de verán Francisco Fernández del Riego na Cultura Galega do Século XX, xunto á rexedora, Rocío López, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López Díaz, o vicesecretario da Real Academia Galega e director do curso, Henrique Monteagudo, e o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez. 

Esta cita, que se celebrará ata o mércores no auditorio do municipio mariñano, está enmarcada na programación organizada polo Concello de Lourenzá e a Real Academia Galega co apoio da Deputación de Lugo e outras institucións, para homenaxear ao tradutor, novelista, historiador, xornalista, ensaísta e editor laurentino neste 2023 con motivo das Letras Galegas.

Cajoto explicou que a programación “está sendo unha oportunidade magnificamente aproveitada para estudar, recoñecer e lembrar a Fernández del Riego, enriquecéndonos así como sociedade e como país, e tamén para proxectar o patrimonio, o talento e todas as capacidades que ofrece Lourenzá, A Mariña e o conxunto da provincia”.

A institución provincial implicouse na organización conxunto de actividades durante todo o ano cunha achega económica de 60.000€ ao Concello laurentino, co fin de contribuír a dar a coñecer e poñer en valor a traxectoria de Fernández del Riego. “Dende a Deputación estamos convencidos de que a nosa cultura, a nosa lingua, a nosa historia e tradicións, o noso patrimonio, en definitiva, a nosa esencia como país, é o que máis nos enriquece e o que garante a nosa capacidade para prosperar”, argumentou o Deputado.

Francisco Cajoto agradeceu na súa intervención o traballo da Real Academia Galega e da Alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, polo esforzo realizado para a posta en marcha dun amplo programa. 

17 horas e 30 participantes

O curso de verán, impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela, ten como obxectivo analizar a traxectoria, a obra e achegar a figura de Francisco Fernández del Riego como activista, intelectual, estudoso e escritor nos contextos históricos. O programa ten unha duración de 17 horas e participan 30 persoas. A programación inclúe mesas redondas, testemuñas e un paseo. 

Luns, 4 de  setembro
17.00 h.: Inauguración do curso
17.30 h.: Francisco Fernández del Riego na Real Academia Galega. Víctor F. Freixanes
18.30 h.: Unha traxectoria ao servizo de Galicia. María Dolores Villanueva Gesteira

Martes, 5 de  setembro
09.30 h.: Francisco Fernández del Riego na II República. Anos de formación política e intelectual. Justo Beramendi
11.00 h.: Mesa redonda: Da República á resistencia
12.30 h.: Francisco Fernández del Riego e a diáspora galega en América. Ramón Villares Paz
16.30 h.: O epistolario entre Francisco Fernández del Riego e Luís Seoane: diálogo entre o exilio exterior e o exilio interior. Xesús Alonso Montero
18.00 h.: Percorrido: Francisco Fernández del Riego e Lourenzá

Mércores, 6 de  setembro
10.00 h.: Mesa redonda: Epistolario, amizades e redes
12.00 h.: Mesa redonda: Memoria, ensaio, paisaxe
16.30 h.: Francisco Fernández del Riego na editorial Galaxia, na Fundación Penzol e na revista Grial. Xosé Manuel Soutullo
17.30 h.: Mesa redonda: Francisco Fernández del Riego na Xeración Galaxia
19.30 h.: Acto de clausura