Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación participará na conferencia de alto nivel da Unión Europea que acolle Lugo esta semana

Lugo
Unión Europea
ministro de exteriores
José Tomé Roca intervirá na xornada inaugural este xoves xunto ao Ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, da Comisaria de Democracia e Demografía da UE, Dubravka Suica, e da Alcaldesa da cidade, Lara Méndez

A institución provincial exporá o venres no segundo panel técnico, centrado na Economía Prateada e a problemática asistencial das persoas maiores, o modelo público de residencias que ten implantado, un referente en España e en Europa

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participará na conferencia de alto nivel sobre envellecemento que acollerá Lugo esta semana con motivo da Presidencia Española do Consello da Unión Europea. Un encontro no que se van a debater e tomar decisións clave para o coidado das persoas maiores en Europa e tamén para a cohesión territorial e a loita contra o despoboamento.

José Tomé intervirá na xornada inaugural, que se celebrará este xoves no Vello Cárcere, xunto ao Ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, da Comisaria de Democracia e Demografía da UE, Dubravka Suica, e da Alcaldesa da cidade, Lara Méndez.

O mandatario provincial subliñou que a conferencia “evidencia a importancia que ten a nosa provincia para o Goberno central, poñendo a Lugo no eixo de debate destes temas de gran relevancia para a nosa provincia como son o reto demográfico e o envellecemento da poboación”, apunta.  “Ademais, os colectivos lucenses terán un papel protagonista nos foros, o que de seguro será moi proveitoso para o noso territorio”, subliña o mandatario provincial. 

A Deputación intervirá nun dos paneis para falar sobre as políticas sociais polas que aposta a institución provincial, poñendo especial fincapé no seu modelo de residencias. Un modelo de residencias que xa é un referente en España e Europa, pois foi recoñecido polo Goberno central e no marco da Semana Europea das Rexións e Cidades, o maior evento anual de política rexional de Europa. As liñas de traballo da institución provincial en materia social recibiron unha moi boa acollida polas súas características, xa que son replicables noutros territorios da Unión Europea. 

Será o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen detalle as políticas que está desenvolvendo a Deputación. A institución provincial apostou dende o ano 2007 por crear un modelo público de atención ás persoas maiores propio, integral e centrado, non só nos servizos sociais, senón tamén nos territorios e nas súas economías, é dicir, centrado nas persoas. 

Un intenso programa
A xornada, que se desenvolverá no Vello Cárcere, arrancará o xoves pola tarde coa inauguración oficial e continuará o venres dende primeira hora da mañá, cando se desenvolverán dous paneis técnicos. O primeiro será Envellecemento, lonxevidade e demografía na Axenda europea, que arrancará ás 10 da mañá, e que contará coa participación de Miguel Ángel Cabra Luna, Conselleiro do Comité Económico e Social Europeo en representación de CEPES (Confederación Empresarial Española da Economía Social), tamén estarán a presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR) de Galicia, Verónica Marcos, a presidenta desta entidade en España, Teresa López, e o coordinador do Centro Internacional sobre o Envellecemento (CENIE) da Universidade de Salamanca, Juan Martín. 

O segundo, previsto a partir das 11, será o de Economía prateada e a problemática asistencial dos maiores, e contará coa participación do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, o director do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (IMSERSO), Luis Alberto Barriga, o presidente da Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía (SEGG), José Augusto García, o director Médico e de Calidade de Sanitas Maiores, David Curto, e a Concelleira de Inclusión, Benestar Social e Persoas Maiores de Lugo, Olga López. 

A continuación dos paneis haberá conclusións e clausurará o Secretaria de Estado para a Unión Europea, Pascual Navarro.