Deputación de Lugo

O Presidente subliña na conferencia europea de alto nivel o liderado da Deputación no impulso dun modelo asistencial aos maiores innovador e eficaz fronte ao reto demográfico

Ministro Asuntos Exteriores
José Tomé Roca interveu no acto inaugural do encontro que se celebrará ata mañá en Lugo xunto ao Ministro de Asuntos Exteriores, a Comisaria de Democracia e Demografía da UE e a Alcaldesa da cidade

Lugo convértese “na capital europea do debate e toma de decisións fronte a un problema de importancia capital para o noso futuro” grazas á “decisión do Goberno do Estado de celebrar aquí unha das reunións claves da Presidencia Española da UE”, unha “mostra máis do seu compromiso coa nosa provincia”

Coa rede pública de residencias, valorada polo Executivo central e as autoridades europeas, “estamos convertendo unha situación adversa, como é a alta taxa de envellecemento, nunha oportunidade de desenvolvemento sostible da provincia”

Este encontro servirá para “abordar liñas de colaboración e seguir construíndo xuntos un futuro de equilibrio territorial, de desenvolvemento harmonioso, e de máis dereitos e benestar para o conxunto dos cidadáns e cidadás europeos, independentemente da súa condición e circunstancias”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, subliñou este xoves no acto inaugural da Conferencia de Alto Nivel da Unión Europea sobre Envellecemento o liderado da institución provincial no impulso dun modelo asistencial ás persoas maiores, innovador e pioneiro, que é eficaz fronte ao reto demográfico e replicable no resto do territorio comunitario. A apertura do encontro, que se celebra entre hoxe e mañá no Vello Cárcere da capital lucense, contou coa presenza do Ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, a Comisaria de Democracia e Demografía da UE, Dubravka Suica, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.

O mandatario provincial expresou o seu agradecemento ao Goberno de España pola súa decisión de celebrar na provincia unha das reunións claves da Presidencia Española do Consello da UE, situando así a Lugo “como capital europea do debate e toma de decisións” para afrontar “un problema de importancia capital para o noso futuro”.

Lugo, centro da axenda política

Unha decisión, subliñou, que “representa unha mostra máis de que o Executivo do Estado “devolveu á nosa provincia o protagonismo na axenda política, que merecemos e que tanto necesitamos para seguir avanzando”, e que responde tamén á defensa de España “como un país cuxa riqueza reside precisamente na súa pluralidade e diversidade. Unha España plural e diversa, na que todos os concellos, provincias e comunidades autónomas, dende as máis grandes ás máis pequenas, temos moito que dicir e aportar para facer fronte aos grandes retos no noso país e de Europa”. 

O envellecemento e a caída demográfica, asegurou o Presidente, é un desas problemáticas, que “afecta a todos os países e rexións europeas”, e que vai máis alá “de simples alteracións demográficas recollidas no padrón, pois teñen detrás cambios na vida das persoas, que ven empeorar a calidade da súa democracia”.

Así, o envellecemento “incrementa a dependencia, e unha persoa dependente, se non está ben atendida, non pode exercer os seus dereitos cidadáns con plenitude”. Igualmente, argumentou o mandatario provincial, “o despoboamento afecta á igualdade de oportunidades e o acceso aos servizos básicos”, pois as poboacións máis pequenas ou alonxadas “teñen, lamentablemente, peor acceso á sanidade, unha oferta educativa máis reducida e peores comunicacións físicas e dixitais”.

O papel da Deputación

Fronte a este “enorme reto”, as administracións teñen a obriga de actuar na medida das súas competencias e recursos, afirmou José Tomé, quen destacou neste sentido que a Deputación de Lugo “leva máis dunha década traballando, en estreita colaboración cos 67 concellos da provincia, coa Universidade e co tecido asociativo e produtivo, impulsando políticas públicas coas que apoiamos o desenvolvemento do rural e a creación de emprego, sobre todo feminino, como elementos claves para fixar poboación”.

Unhas políticas públicas que, recalcou, “teñen como máximo expoñente” neste eido a Rede Pública de Centros de Atención a Persoas Maiores, seguindo “un modelo asistencial innovador, que é pioneiro no noso país”. Centros con poucas prazas, situados en pequenos municipios rurais, que se converten nun novo fogar para os residentes, onde forman novas familias, grazas a unha atención de calidade e personalizada, e que, ao mesmo tempo, crean emprego, principalmente feminino, e dinamizan a economía local, pois o persoal contratado reside no entorno, e os produtos e servizos dos que se abastecen son de proximidade, nun claro exemplo de economía circular.

Polo tanto, “garantimos o benestar dos residentes e das súas familias, e favorecemos o arraigo da poboación, convertendo así unha situación adversa, como é a alta taxa de envellecemento nunha oportunidade de desenvolvemento sostible da provincia”, subliñou o Presidente da Deputación, lembrando que este modelo xa foi “valorado polo propio Goberno de España e tamén exposto ata en tres ocasións na Semana Europea das Rexións e Cidades como unha medida replicable no resto do territorio comunitario”. Desta forma, José Tomé, mostrouse convencido de que a Conferencia europea “servirá para incrementar todo ese coñecemento mutuo e abordar liñas de colaboración”.

Abundou así mesmo en que co encontro da UE que acolle Lugo “seguiremos construíndo xuntos un futuro de equilibrio territorial, de desenvolvemento armonioso, de máis dereitos e benestar para o conxunto dos cidadáns e cidadás europeos, independentemente da súa condición e circunstancias”.

A Deputación intervirá precisamente nun dos paneis técnicos que inclúe a Conferencia para falar sobre as políticas sociais polas que aposta, poñendo especial fincapé no seu modelo de residencias. Será o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen detalle as características e funcionamento da rede provincial de centros de atención a maiores. 

Dous paneis técnicos

A programación da Conferencia de Alto Nivel sobre Envellecemento da UE contempla mañá dous paneis técnicos. O primeiro céntrase no Envellecemento, lonxevidade e demografía na Axenda europea, e participarán Miguel Ángel Cabra Luna, Conselleiro do Comité Económico e Social Europeo en representación de CEPES (Confederación Empresarial Española da Economía Social); a presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR) de Galicia, Verónica Marcos, a presidenta desta entidade en España, Teresa López, e o coordinador do Centro Internacional sobre o Envellecemento (CENIE) da Universidade de Salamanca, Juan Martín. 

O segundo panel leva por título Economía prateada e a problemática asistencial dos maiores, e contará coa participación do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, o director do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (IMSERSO), Luis Alberto Barriga, o presidente da Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía (SEGG), José Augusto García, o director Médico e de Calidade de Sanitas Maiores, David Curto, e a Concelleira de Inclusión, Benestar Social e Persoas Maiores de Lugo, Olga López. A clausura será a cargo do Secretario de Estado para a Unión Europea, Pascual Navarro.