Deputación de Lugo
Innovación e TIC

A Deputación arranca o curso do Centro de Formación Audiovisual e prepara a primeira práctica para o 6 de outubro, Día do Cine Español

Centro de formación audiovisual
O equipo directivo e docente do CFA da institución provincial deu a benvida ao alumnado de 1º e 2º dos ciclos superiores de Realización e Produción no primeiro día do curso 2023/2024

20 mozos e mozas comezan a rama de Realización tras cubrir a totalidade das prazas. Ata outubro seguirá aberto o prazo de matrícula para as vacantes dispoñibles en Produción

O alumnado participará na organización da proxección no Pazo de San Marcos das películas Embrujo, Las niñas e Valentina con motivo do Día do Cinema Español

As prácticas en escenarios reais e a gratuidade da matrícula son os principais sinais de identidade da formación pública e de calidade que imparte Deputación na súa escola de imaxe e son

O equipo directivo e docente do Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo deu este luns a benvida aos alumnos e alumnas de 1º e 2º dos ciclos superiores de Realización e Produción neste curso 2023-2024, no que se manterá o modelo de ensino público e de calidade que promove a institución provincial no seu centro educativo, coas prácticas en escenarios reais e a gratuidade da matrícula como principais sinais de identidade.

O alumnado de 1º, ademais de coñecer as instalacións da escola, recibiu información sobre a planificación do curso, horario e outros aspectos organizativos de interese. En canto aos estudantes de 2º, participaron nunha xornada de asesoramento e coordinación do módulo de Proxectos.

Aberto prazo para vacantes de Produción

A escola de imaxe e son da Deputación inicia este novo curso coa totalidade de prazas cubertas en Realización, cun total de 20 novos mozos e mozas matriculados nesta especialidade. No caso de Produción, con vacantes aínda dispoñibles, manterase aberto o prazo de matrícula ata o mes de outubro. As persoas que estean interesadas poden acceder a toda a información sobre este ciclo en: http://www.deputacionlugo.gal/gl/temas/audiovisuais/centro_formacion/regrada0/matricula, ou ben chamando ao número de teléfono do centro: 982.284.667.

Primeira práctica: Día do Cinema Español

O Centro de Formación Audiovisual organiza para o 6 de outubro a primeira práctica do curso nun escenario real con motivo do Día do Cinema Español. A Deputación, a través do Servizo de Audiovisuais, súmase a esta celebración promovida polo Ministerio de Cultura que ten por obxectivo recoñecer o papel dos cineastas e a súa influencia e importancia na vida cultural e social do país, así como o valor patrimonial do cine feito en España.

O alumando do CPA participará na organización do evento, que se celebrará no Pazo de San Marcos. Veranse tres películas que a Filmoteca Española pon a libre disposición para súa proxección en espazos que non sexan propiamente cines comerciais: Embrujo (1948), de Carlos Serrano de Osma, coa copia restaurada para esta edición con motivo do centenario do nacemento da súa protagonista, Lola Flores; Las niñas (2020), de Pilar Palomero, Goya á mellor película; e Valentina (2021) da ferrolá Chelo Loureiro, Premio Goya á mellor película de animación. Ademais, proxectaranse varios audiovisuais elaborados polos estudantes do CPA.

Éxito do modelo educativo da Deputación

Algúns exemplos de prácticas en escenarios reais no pasado curso son dous audiovisuais do alumnado recoñecidos fóra da provincia, como a curta Amor Viaxeiro, premiado por Netflix e Turespaña no concurso Cómo dirías que es España sin decirlo, que se proxectou con moito éxito na Feira Internacional de Turismo (FITUR) en Madrid e o documental No se oye, que recibiu o premio á Mellor Curtametraxe Documental na categoría de Escolas de Imaxe e Son no pasado Festival Internacional de Cine de Ponferrada.

Ademais, os estudantes encargáronse, entre outros traballos, da emisión en directo, a través de streaming, do Concurso Internacional de Baristas de Foz, onde puxeron a proba con éxito o traballo en equipo e o manexo do equipamento técnico e das novas tecnoloxías imprescindibles no mercado laboral no mundo audiovisual.