Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Pobra do Brollón acollerá as dúas primeiras etapas da Volta a Galicia, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
EFRÉN CASTRO
Deportes
VOLTA A GALICIA 2023
Ciclismo
A Pobra do Brollón
Bóveda
O INICIO


Unha contrarreloxo nos límites do concello, o 14 de setembro, e unha etapa de 148 quilómetros, con paso por Sarria, O Incio e Bóveda, o 15 de setembro,  marcarán o devir da proba

A Volta A Galicia percorrerá un ano máis a xeografía lucense, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A Pobra do Brollón será o punto de referencia das dúas primeiras etapas da proba que reúne os mellores ciclistas das categorías Sub-23 e Elite e que se celebrarán o 14 e o 15 de setembro.

O vicepresidentE da Deputacíon de Lugo e deputado de Deportes Efrén Castro, o alcalde da Pobra do Brollón  Xosé Lois Maceda e o tenente de alcalde e responsábel de Deportes Ricardo Rodicio, acompañados por representantes da Federación Galega de Ciclismo, e da Xunta de Galicia en Lugo, presentaron a proba na área recreativa de Samugueiros.

Efrén Castro explicou que “desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo renovamos o apoio á proba, apostando de novo polo ciclismo como plataforma para amosar a riqueza natural e patrimonial do territorio e polo impulso do tecido deportivo afeccionado e profesional ao redor desta disciplina en Galiza” e remarcou que “este ano, máis que nunca, as estradas lucenses deixarán pegada na clasificación xeral ao acoller as dúas primeiras etapas, a crono que abrirá a Volta o xoves 14 e a segunda etapa, de 148 quilómetros, que percorrerá tamén os concellos de Bóveda, O Incio, Samos e Sarria”.

Xose Lois Maceda valorou a oportunidade que a Volta a Galicia ofrece como “como escaparate para amosar A Pobra do Brollón de cara ao exterior e para seguir dinamizando a economía local en torno ao turismo” e subliñou “a importancia da colaboración institucional para que este tipo de eventos se celebren en concellos rurais”

1º Etapa.  14 de setembro.

A primeira etapa da Volta a Galicia será unha contrarreloxo individual con saída e chegada na Avenida de Galicia, no centro da Pobra do Brollón, e un percorrido de 6,7 quilómetros por vías locais na contorna da localidade. A proba comezará ás 18.00 horas.

2ª Etapa. 15 de setembro.

O trazado deseñado para a segunda etapa da Volta a Galicia, tamén con saída e chegada  na Avenida de Galicia, conta con  148 quilómetros e percorrerá estradas dos concellos de Bóveda, O Inicio e Sarria, ademais de tocar o concello de Samos. A proba iniciarase ás 12.00 horas cunha volta neutralizada pola localidade.

O percorrido conta cun porto de terceira categoría, en Oural (Sarria), un de segunda categoría, na Casela (O Incio), seguido dun descenso pronunciado e técnico, e un de primeira categoría, en Aira Padrón (Samos), o punto máis alto polo que pasarán os ciclistas nas catro etapas da Volta con 1108 metros de altura.


112 ciclistas de 16 equipos

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achega 12.000 euros para a organización da etapa lucense da Volta a Galicia,  un escaparate para ciclistas das categorías Elite e Sub 23, que preparan o salto ao ciclismo profesional.

Nesta vixésimo primeira edición, con outras dúas etapas en distintos puntos de Galiza (A Pobra de Trives e Pontevedra) participan 112 ciclistas de 16 equipos: os galegos  -Supermercados Froiz, High Level-Gsport-Grupo Innova Tormo, Vigo-Rías Baixas, Louriña – Team XE, Retelec-Ambilamp, Padronés-Cortizo, Team Oiense-Escuela Estévez e o Club Ciclista Vigués- e escuadras do resto do Estado -Eolo-Kometa, Gomur Cantabria, Nesta MMR, Finisher-Kern Pharma, Maglia Tecnosylva-Bembibre, Bicicletas Rodríguez Extremadura, Telco'm On Clima Osés e Caja Rural – Alea.