Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación apoia con 50.000€ o Caudal Fest

CAUDAL FEST
Lugo
turismo
O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, visitou este mércores xunto á Alcaldesa de Lugo e os organizadores o desenvolvemento das tarefas de montaxe do festival, que a institución provincial respalda a través dun convenio de colaboración co Concello

Fernández Méndez enmarcou a achega económica da Deputación para celebrar o evento, consolidado como unha das grandes citas musicais do panorama galego e nacional, na súa aposta por un modelo de turismo de calidade, sostible, de experiencias e cunha oferta altamente diversificada para atraer visitantes ao longo de todo o ano

A Deputación de Lugo apoia cunha achega económica de 50.000€ a celebración do Caudal Fest a través dun convenio de colaboración co Concello de Lugo. O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, visitou este mércores o recinto para supervisar xunto á Alcaldesa, Lara Méndez López, e os organizadores, as tarefas de montaxe do festival, que se celebrará este venres e sábado na capital da provincia.

Miguel Fernández enmarcou esta nova aportación da institución provincial para celebrar o evento, consolidado como unha das grandes citas musicais do panorama galego e nacional, na súa aposta por un modelo de turismo de calidade, sostible, de experiencias e cunha oferta altamente diversificada para atraer visitantes ao longo de todo o ano. “Un turismo que actúa como elemento dinamizador das economías locais, que favorece o equilibrio territorial e que aproveita todos os recursos e atractivos que temos na provincia”, subliñou o Deputado.

O Deputado recoñeceu o traballo e a implicación da Alcaldesa de Lugo para a posta en marcha e consolidación deste festival, “que se integra no conxunto da ampla oferta cultural, turística e de lecer do Concello de Lugo. Unha oferta rica e diversa, que é unha peza máis dentro do modelo de cidade verde e sostible que defende e que promove a Alcaldesa”.

O programa
O Caudal Fest 2023 contará cun total de 20 bandas e artistas, entre os que destacan grupos de ámbito nacional e internacional, como Vetusta Morla, Leiva, Dani Fernández, Miss Cafeina, La La Love You, Natalia Lacunza, Belén Aguilera ou Sidonie. Así mesmo, o festival é un evento no que actuarán formación locais, como Berta Franklin e Galician Army. 

Haberá dous escenarios, o que permitirá que haxa música de forma continuada entre as cinco da tarde ata as tres da madrugada. Ademais, o recinto acollerá unha ampla oferta gastronómica.