Deputación de Lugo

O Encontro de Torneiros sitúa a Xermade no escaparate mundial da artesanía co apoio da Deputación

Encontro Internacional de Torneiros da Madeira
O Presidente, José Tomé Roca, participou xunto ao Alcalde, Roberto García Pernas, na inauguración da 23 edición desta cita, que se celebrará ata o domingo coa presenza de profesionais de diversos países, talleres, exposición de pezas e demostracións en vivo

A institución provincial subiu en máis dun 30%, ata os 9.000€, a achega económica ao Concello para celebrar o encontro, por contribuír “á conservación e posta en valor deste oficio e, ao mesmo tempo, promocionar o municipio e favorecer o seu dinamismo social e económico, tan importante para o noso rural”, destacou José Tomé

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, participou este venres xunto ao Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, e a Deputada de Muller e Igualdade e rexedora de Guitiriz, Marisol Morandeira, na inauguración do XXIII Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, que se celebra ata este domingo no polideportivo da localidade chairega. Unha cita que contará unha edición máis con destacados profesionais do mundo da tornería chegados de diversos países, exposicións de obras de artesanía, talleres e demostracións en vivo.

José Tomé destacou o compromiso da institución provincial con esta cita, para a que a Deputación de Lugo incrementou en máis dun 30% a achega económica este ano, ata os 9.000€, a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos. Felicitou ao Alcalde polo “gran traballo” que está desenvolvendo xunto co seu equipo para sacar adiante este encontro, e para contribuír, desta forma, “á conservación e á posta en valor deste oficio e, ao mesmo tempo, para promocionar o concello e favorecer o seu dinamismo social e económico, algo tan importante para o noso rural”. 

Puxo en valor o Presidente que “son xa máis de dúas décadas poñendo en valor a artesanía e o sector da madeira, que é unha potencia de primeiro nivel na nosa provincia” e que esta nova edición “converterá ao concello de Xermade nun escaparate mundial deste oficio tradicional que está máis vivo ca nunca, como se vén demostrando nesta cita cada edición, un espazo no que se presentan pezas que son  verdadeiras obras de arte, dende traballos tradicionais da artesanía a obra de deseño vangardista”.

Este ano o encontro conta con expertos e profesionais da tornería como o inglés Stewart Furini, o francés Jean Claude Charpignon, o malagueño Francisco Boyero e o galego Lolo Castro. Así mesmo, haberá exhibicións de pezas, demostracións en vivo e puntos de venda de distintos produtos artesanais de madeira. 

Na súa intervención, o mandatario provincial destacou tamén “as mans e o talento que están detrás destes traballos. Torneiros -homes e mulleres-, chegados de toda Galicia e doutros lugares do mundo, que nos ofrecen a oportunidade de desfrutar en vivo da súa arte e creatividade, algo que se converte nunha das claves do éxito deste encontro”.