Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación abre unha nova convocatoria pública para adxudicar os 15 hortos urbanos dispoñibles no Rato

hortos urbanos
Río Rato
A Xunta de Goberno aprobou hoxe o proceso para conceder autorización de uso gratuíto das parcelas que están libres ou cubrir vacantes, co que completará as 150 que ten habilitadas a institución provincial

Poderán presentar solicitude as asociacións ou persoas maiores de idade, con residencia en Lugo ou en concellos limítrofes, que non convivan con beneficiarios doutros hortos ou que non posúan terreos con potencialidade de ser cultivados

As bases publicaranse no Boletín Oficial da Provincia o vindeiro xoves, 28 de setembro. A partir do día seguinte os interesados terán de prazo 10 días hábiles para formalizar a documentación, no Rexistro da Deputación ou ben a través da Sede Electrónica

“Seguimos adiante co proxecto dos hortos urbanos do Rato, que empezamos a poñer a disposición da cidadanía no pasado mandato, en marzo de 2021, co obxectivo de fomentar a agricultura ecolóxica, a conciencia ambiental e o lecer saudable”, subliñou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto

A Xunta de Goberno aprobou este venres unha nova convocatoria pública para adxudicar os 15 hortos urbanos da institución provincial que quedaron dispoñibles no Paseo do Río Rato. Así o anunciou a Voceira provincial socialista, Pilar García Porto, trala reunión celebrada esta mañá no Pazo de San Marcos. “Son espazos que quedaron libres, ben porque finalizaron os dous anos de autorización que os usuarios tiñan concedido, ou ben polas renuncias ou baixas que se produciron”, sinalou. 

A Deputación abre este novo proceso co obxectivo de conceder a autorización de uso nestas 15 parcelas “co que completaremos os 150 que están habilitados no Rato, pero tamén para cubrir vacantes no caso de producirse renuncias ou procedementos de sanción por incumprir o Regulamento de funcionamento deste proxecto”, subliñou García Porto.  

A Voceira provincial socialista subliñou que se manterán os mesmos requisitos e criterios ca en fases anteriores: “Poderán presentar unha solicitude todas as persoas físicas ou asociacións de Lugo e de concellos limítrofes interesados, e que non posúan terreos con posibilidade de ser cultivados”.

No caso de que as solicitudes presentadas superen o número de parcelas dispoñibles, farase unha valoración en base a criterios sociais, dando prioridade ás persoas en situación de desemprego, cunha renda per capita menor, familias numerosas ou xubilados. Polo que respecta aos colectivos, terán prioridade aqueles sen ánimo de lucro ou representantes de centros educativos. 
As bases que rexen esta convocatoria publicaranse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o vindeiro xoves, 28 de setembro. A partir do día seguinte –29 de setembro- e durante un prazo de 10 días hábiles, os interesados poderán presentar as súas solicitudes, no Rexistro da Deputación ou a través da Sede Electrónica da institución. Os que resulten beneficiarios poderán facer uso dos hortos de maneira gratuíta por un período de dous anos, con posibilidade de prórroga. 

Durante ese tempo, informou García Porto, os usuarios “contarán cun servizo de mantemento e de asesoría que a Deputación lles pon a disposición de maneira totalmente gratuíta”. No que respecta aos solicitantes que queden fóra do proceso de adxudicación “pasarán a formar parte dunha listaxe de agarda, para ir cubrindo posibles renuncias ou baixas”.

Polo tanto, destacou Pilar García Porto “seguimos adiante co proxecto dos hortos urbanos do Rato, que empezamos a poñer a disposición da cidadanía no pasado mandato, en marzo do ano 2021, co obxectivo de fomentar a agricultura ecolóxica, a conciencia ambiental e o lecer saudable”.

A Festa da Filloa, premio á excelencia turística

Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se ratificou a decisión do Consello Provincial de Turismo de conceder o premio á excelencia turística á  Festa da Filloa de Muimenta, en Cospeito. O galardón entregarase o vindeiro mércores, 27 de setembro, con motivo do Día Mundial do Turismo, nun acto que se celebrará en San Marcos.

A Festa nda Filloa celébrase dende o ano 1992 na localidade chairega cada primeiro de maio, e conta coa declaración como Festa de Interese Turístico Galego. 

Contratación de servizos

A Xunta de Goberno deste venres acordou licitar dous novos contratos de subministro de materiais para o funcionamento da Deputación. Por un lado, aprobou a compra de medicamentos, material sanitario e outros produtos de uso veterinario para a Granxa Gayoso Castro por un importe de 48.500€ e un ano de duración. Este subministro irá destinado para a xestión sanitaria da explotación de gando vacún e equino coa que contan as instalacións provinciais. Tamén licita en 18.131€ e por un prazo de un ano o contrato de adquisición de papel necesario para os distintos servizos da Deputación.