Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación inicia as obras na estrada provincial que une Lamaquebrada con Montecelo no Saviñao

REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS
O Saviñao
Os traballos, nos que a institución provincial inviste 60.500€, servirán para renovar o firme do totalidade da LU-P-5807, mellorando así a seguridade viaria e a comodidade dos veciños e veciñas destas parroquias

A Deputación de Lugo vén de iniciar os traballos para renovar o firme da estrada provincial LU-P-5807, que conecta os núcleos de Lamaquebrada con Montecelo, no concello do Saviñao. Uns traballos para os que a institución provincial destina 60.500€ e que afectan ao totalidade da vía, con 6,4 quilómetros de lonxitude.

O proxecto, adxudicado á empresa Fevisa Vías y Obras, consiste na reapertura de cunetas, limpando a maleza e sacando a terra necesaria. A continuación vanse eliminar os danos que presente a estrada polo paso do tempo e o uso, como poden ser blandóns ou gretas, e logo procederase a repavimentar a estrada.  

A Deputación mellora así a seguridade viaria e a comodidade dos veciños e veciñas que transitan a diario por esta estrada que conecta lugares como Fión, Rosende, Outeiro, Montecelo, Vilaravides, O Cerdeiro ou A Vendanova, ademais de dar acceso a adegas e puntos de interese turístico, como o Miradoiro Cabo do Mundo ou o Ecomuseo Pazo de Arxeriz. 

Con esta actuación, a institución provincial suma máis 600.000€ de investimento desde o ano 2019 nas diferentes estradas do Saviñao.  En concreto, a Deputación acondicionou seis estradas nestes anos. A LU-P-4202, que vai de Pacios a Currelos, pasando por Aldosende, entre os puntos quilométricos 17,2 e 21,9 e cun investimento de 96.800€; o firme da LU-P-4112, que une Reguengo con Lamaquebrada con 26.600€; a LU-P-5811, dende O Torno a Gorgoz con 175.450€ nos primeiros 4 quilómetros; a LU-P-5804, dende Rebordondiego a Morgade pasando por Aiaz entre os quilómetros 3,9 e 10,9, e a LU-P-5801 dende a igrexa da Cova nos primeiros 3 quilómetros cun investimento que superou os 260.000€.

Este verán tamén iniciou os traballos de mellora da estrada entre Porto e Córneas, a LU-P-5802. Unhas obras de mellora do treito que vai do quilómetro 6,485 ao 8,025, nos que a institución inviste preto de 70.000€.