Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación adxudica a construción do Centro de Maiores da Pobra do Brollón por case 2,2M€

Xunta de Goberno
A Pobra do Brollón
Centro de Atención a Maiores
A Pastoriza
A Xunta de Goberno aprobou este venres a adxudicación das obras desta residencia, que se levantará na Avenida de Outeiro, e que contan cun prazo de execución de 12 meses unha vez iniciadas as tarefas

A sesión desta mañá tamén lle deu luz verde á adxudicación por de máis de 260.000€ das obras de mellora de servizos de abastecemento de auga, alumeado e saneamento no núcleo urbano da Pastoriza

Visto bo do Goberno á reposición da sinalización vertical e horizontal de 26 quilómetros da estrada provincial LU-P-0708, que dá servizo aos concellos de Baleira, Becerreá, A Fonsagrada e Navia de Suarna

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación das obras para a construción do Centro de Atención a Maiores da Pobra do Brollón por un importe de case 2,2M€. Así o informou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen detallou que as obras terán un prazo de execución de 12 meses. 

O Pleno da Deputación aprobou no mes de marzo unha modificación do convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello da Pobra do Brollón co fin de incrementar a achega económica da institución provincial para construír esta residencia por unha contía de 725.531,21€, distribuídos nas anualidades de 2024 e de 2025. Polo tanto, a aportación total da Deputación de Lugo para o Centro de Maiores estableceuse en 2,3M€. O aumento do presuposto foi necesario pola suba dos prezos de mercado debido ao contexto económico derivado da guerra en Ucraína e da falta de subministracións. 

García Porto lembrou que as dúas empresas que resultaron adxudicatarias anteriormente non cumpriron co contrato asinado, “por iso, vímonos na obriga de volver a licitar as obras, que aprobamos adxudicar na Xunta de Goberno desta mañá, cumprindo desta forma co compromiso firme que sempre manifestamos, co Concello e cos veciños e veciñas, de sacar adiante a residencia da Pobra do Brollón”. 

Este Centro de Atención a Maiores, que se situará na Avenida de Outeiro da vila, contará con 36 prazas e na súa contorna disporá de espazos verdes pensados para o desfrute das persoas usuarias.

Renovación de servizos na Pastoriza
Na reunión desta mañá o Goberno tamén lle deu luz verde á adxudicación por un importe de máis de 260.000€ das obras de mellora de servizos municipais no núcleo urbano da Pastoriza. Explicou a Deputada que, cando se fixeron as obras de pavimentación da vía principal, a LU-P-4401, que vai da Pastoriza a Muimenta por Reigosa, detectouse que os servizos municipais estaban en mal estado e provocaban avarías. “Polo tanto, para evitar novas obras unha vez rematados os traballos de aglomerado, vanse renovar agora os servizos de abastecemento e de saneamento nesta zona do centro da vila”, detallou. 

As obras foron adxudicados á empresa Isidro Otero SL, e, en concreto, consisten na instalación dunha nova tubaxe de reserva para o alumeado público, tamén se vai repoñer a canalización do abastecemento nos puntos nos que presenta problemas, e instalarase unha rede separativa de augas residuais, dando continuidade así á rede existente dende a Casa da Cultura, que xa foi feita en proxectos anteriores. Estes traballos terán un prazo de execución de 2 meses e 2 semanas. 

Sinalización da vía que une O Cereixal con Louxas
Ademais, hoxe quedou aprobada a adxudicación por preto de 54.000€ das obras para repoñer a sinalización da estrada provincial LU-P-0708, que une O Cereixal con Louxas, dende o inicio da vía ata o quilómetro 26. Esta é unha estrada que dá servizo aos concellos de Baleira, Becerreá, A Fonsagrada e Navia de Suarna.

As obras consisten no pintando da estrada mediante marcas reflexivas brancas e tamén na instalación de sinais verticais.  A empresa adxudicataria é Señalizaciones Norte SL e o prazo de execución é de 2 meses. 

Axudas a entidades asociativas
Na Xunta de Goberno déuselle o visto bo ao último trámite administrativo para o pago de subvencións por un importe total de case 22.000€ a cinco entidades asociativas da provincia que resultaron beneficiarias do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, que impulsa a Deputación de Lugo. 

En concreto, son as seguintes: a asociación Amigos da Feira de Castro de Rei, que recibirá 2.770€ para o acondicionamento do seu local; a asociación San Julián de Gaibor, de Guitiriz, que percibirá 6.000€ para a mellora e adecuación do firme da pista de acceso ao Monte Veciñal en Man Común da parroquia; a Asociación Veciñal Irmandade Naviega, de Navia de Suarna, que cobrará 1.045€ para a adquisición dun equipo de son; a Asociación dos Montes Veciñais en Man Común de Ribas Pequenas, de Bóveda, que recibirá 6.000€ para a mellora de vías públicas, do campo de fútbol e do campo da festa; e a Asociación do Monte Veciñal en Man Común de Cumbraos, en Monterroso, beneficiaria de case 6.000€ para a mellora e adecuación dun camiño.  

Co Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, a Deputación colabora economicamente con entidades asociativas da provincia, como agrupacións veciñais, comunidades de augas e de montes, e asociacións de gandeiros, agricultores ou produtores forestais, para acometer obras en servizos, equipamentos e infraestruturas que inciden no seu día a día, tales como pistas, accesos, locais sociais, traídas de auga, fontes ou espazos públicos comunais. “Estamos contribuíndo así a mellorar a súa calidade de vida e, desta forma, a fixar poboación no noso rural”, recalcou Pilar García Porto.