Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación festexa o arranque do San Froilán co pregón de Sonia Villapol

San Froilán
A institución provincial colabora coas festas, que se prolongarán ata o 12 de outubro con máis de 200 actividades programadas

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistiu este mércores ao pregón do San Froilán 2023, que ofreceu a neurocientífica Sonia Villapol Salgado. As palabras da investigadora natural de Bretoña, no concello da Pastoriza, que formou parte do Equipo de Investigación Internacional da Covid-19 encargado de analizar os efectos do coronavirus na saúde das persoas, dan o pistoletazo de saída ás festas das patronais.

Durante a lectura do pregón, José Tomé Roca estivo acompañado no balcón da Casa do Concello de Lugo pola Alcaldesa, Lara Méndez, a Corporación municipal, e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, entre outras autoridades.

A Deputación colabora coas patronais de Lugo, declaradas de Interese Turístico Nacional, que contarán ata o 12 de outubro con máis de 200 actividades e 170 actuacións musicais. As festas do San Froilán, unha das citas máis importantes de Galicia, remóntanse a 1.754. Mañá, día 5 de outubro, terá lugar unha das xornadas máis destacadas das festas cos actos relixiosos na honra ao patrón; e o Domingo das Mozas a cidade volverá a exaltar o traxe rexional e o folclore galego. A cidade espera recibir estes días de festa a milleiros de persoas.