Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación inicia melloras na estrada provincial do Saviñao que discorre por Valiñocobo, ás que destina 100.000€

REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS
Saviñao
VALIÑOCOBO
A institución provincial acomete as obras nos primeiros 5 quilómetros da LU-P-5808, que consisten na reapertura e limpeza de cunetas, a reparación de zonas degradadas e a posterior repavimentación do firme

A Deputación de Lugo vén de iniciar obras de mellora na estrada provincial LU-P-5808, que une a LU-P-3202 coa LU-P-4102 por Valiñocobo, no  concello do Saviñao. Os traballos afectan aos primeiros 5 quilómetros da vía e contan cun investimento que ronda os 100.000€.

O proxecto, adxudicado á empresa Fevisa Vías y Obras, consiste na reapertura de cunetas, limpando a maleza e o corremento de terras; na reparación do firme das zonas degradadas existentes a consecuencia do paso do tempo e do uso da vía; e, por último, na repavimentación, co que se mellora a seguridade e comodidade dos usuarios e usuarias.

Esta actuación súmase á iniciada recentemente no Saviñao, coa que a Deputación renova o firme da estrada provincial LU-P-5807, que conecta os núcleos de Lamaquebrada con Montecelo, cun investimento de 60.500€. Deste xeito, a institución provincial destina para ambas vías en execución un orzamento total que ascende a 160.000€. 

A mellora destas estradas beneficia ao sector turístico e vitivinícola da zona, pasando ademais por parte dela o Camiño de Inverno, así como ao sector gandeiro e agrícola. Son zonas que rexistran un gran volume de tráfico debido aos sectores económicos que abranguen.

A Deputación co Saviñao

A Deputación conta con máis de 4.200 quilómetros de estradas, a rede viaria máis longa de toda España e tres veces maior ca da Xunta en Lugo. O Saviñao suma máis de 130 quilómetros, repartidos en 26 vías. Nos últimos anos o goberno da Deputación de Lugo investiu preto de 900.000€ para a conservación, mellora e renovación das estradas provinciais neste concello da Ribeira Sacra.