Deputación de Lugo
Economía
Emprego
Formación
Turismo

O Pazo de San Marcos, sala de cine de acceso gratuíto este venres polo Día do Cinema Español

O Deputado de Promoción Económica e Social abriu ante numeroso público e estudantes a xornada cinematográfica na que se proxectarán os tres filmes españois Embrujo, Valentina e Las Niñas, e audiovisuais realizados polo alumnado do Centro de Formación Audiovisual da Deputación como No se oye e Amor viaxeiro

Pablo Rivera subliñou que a institución súmase así á programación do Ministerio de Cultura para enxalzar a importancia do sector, “co que mantemos un dobre compromiso, pois contamos co único centro de formación público da provincia que imparte ensinanzas de audiovisual, e colaboramos coas producións lucenses e galegas”

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, inaugurou ante un nutrido público e estudantes no Pazo de San Marcos a xornada cinematográfica coa que a Deputación de Lugo convértese este 6 de outubro en sala de cine de acceso libre e gratuíto para celebrar o Día do Cinema Español. O Salón de Actos da institución acolle a programación que, ao longo do día, inclúe o pase de tres películas da Filmoteca Española: Embrujo, Valentina e Las Niñas, ademais de audiovisuais realizados polo alumnado do Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo como recreacións de secuencias de cine español, documentais sobre o mundo do cine, ou producións propias.

Pablo Rivera subliñou que a Deputación súmase así á programación do Ministerio de Cultura e Deporte que, a través do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), mobiliza ás deputacións e concellos de todo o país para reivindicar de maneira colectiva o peso e a importancia do cine como patrimonio cultural e xerador dunha identidade e imaxinario comúns, ademais de emprego e actividade económica.

“É un día moi interesante porque nesta Deputación temos un firme compromiso co audiovisual, podemos presumir de ser a única institución provincial do Estado cun centro de Audiovisuais e de contar coa única Escola pública da provincia que imparte ensinanzas no eido do audiovisual”, trasladou aos asistentes esta mañá o Deputado. 

Destacou tamén o labor que a Deputación fai desde a Film Comission “para atraer e facilitar rodaxes na nosa provincia. O turismo cinematográfico é un fenómeno  que está a medrar en todo o mundo, e constitúe un elemento esencial para a promoción e polo impacto económico que xera na economía local durante estas rodaxes”.

Así mesmo, lembrou que a institución “mantén un importante apoio á industria cinematográfica, que materializa en colaboracións con grandes producións lucenses e galegas”. Entre elas, destacan películas como O que arde de Óliver Laxe ou La sombra de la Ley de Dani de la Torre. Este director tamén apostou pola provincia para o seu último traballo, Live is life, co que se implicou a Deputación, ao igual que noutras producións feitas na provincia, como a serie da plataforma Netflix O Sabor das Margaridas, a película Longa Noite de Eloy Enciso, Dhogs de Andrés Goteira, ou Arima, de Jaione Camborda.

A Deputación colaborou así mesmo con outras series como El desorden que dejas da palataforma Amazon Prime Video, e 3 Caminos; ou promocionais con grande repercusión social como Vivamos como Galegos.

Froito destas colaboracións, a institución contribuíu á promoción a nivel mundial de paisaxes como as dos Ancares, da Ribeira Sacra ou da praia das Catedrais, e bens patrimoniais como a Muralla Romana de Lugo, a cidade de Mondoñedo ou as rutas xacobeas. Unha maneira activa de crear industria e emprego, fomentar a cultura e  o uso da lingua galega e de impulsar un turismo de calidade, sostible e sen masificacións.

Tres filmes españois e traballos

No Salón de Actos da Deputación de Lugo proxectaranse durante o día de hoxe tres filmes españois. Entre eles, Valentina, dirixida pola galega Chelo Loureiro e que conta co Premio Goya á Mellor Película de Animación en 2021. Tamén se poderá ver Las Niñas e Embrujo, a película coa que se dedica a actriz Lola Flores este Día do Cinema Español con motivo do centenario do seu nacemento.

Ademais, haberá varias pases pola mañá e tarde de dúas importantes producións realizadas polos alumnos e alumnas do Centro de Formación Audiovisual da Deputación. Trátase de Amor Viaxeiro e No se Oye, que foron aclamadas pola crítica. No caso de Amor Viaxeiro, vén de ser galardoada como a Mellor Película Lucense na 45ª Semana do Cine de Lugo, ademais de resultar premiada por Netflix e Turespaña; e No se oye resultou gañadora á mellor curta documental no Festival Internacional de Cine de Ponferrada.