Deputación de Lugo

Rivera Capón destaca a importancia do sector vitivinícola na provincia nunha xornada celebrada na Deputación

VITICULTURA
O Deputado de Promoción Económica e Social deu a benvida aos participantes na xornada divulgativa e un túnel de viños das Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia en Lugo, celebrada na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, deu a benvida este martes na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos aos participantes na formación e no Túnel dos Viños das Indicacións Xeográfica Protexida (IXP) organizado da man de Luis Paadín, o experto enólogo. Rivera Capón destacou “a oportunidade desta cita para afondar e poñer en valor a cultura vitivinícola da provincia de Lugo e de Galicia”. 

A Deputación de Lugo acolleu esta cita que puxo en valor e afondou na cultura vitivinícola “convertendo aos asistentes nos mellores embaixadores dos nosos viños”, afirmou o Deputado. Recordou a importancia destas actividades que converten aos asistentes nos “mellores embaixadores dos nosos viños” e fomentar así o seu consumo e que os establecementos amplíen a súa carta.

“O viño e o que o rodea favorece ao sector primario pero tamén ao turismo. Un turismo non masificado, de proximidade, de calidade e sostible que defendemos dende a institución provincial e que responde á demanda ante a cultura vitivinícola detectada nos últimos anos”, resaltou.

Sinalou que se trata dunha oportunidade para crear riqueza no territorio “e postos de traballo, pero ademais, o viño é cultura, gastronomía, reclamo turístico, e un elemento fundamental á hora de dar a coñecer a identidade dun territorio dentro e fóra das súas fronteiras xeográficas”. A formación foi impartida por Luis e Alejandro Paadín e as catas foron a cargo de Martiño Santos.