Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación defende a “recuperación da voz dos que morreron polas súas ideas” no Día das Vítimas da Guerra Civil e da Ditadura

FUNDACIÓN LUIS TILVE
Monforte de Lemos
O mandatario provincial e Alcalde de Monforte participou nos actos organizados pola Fundación Luis Tilve na cidade do Cabe para conmemorar esta efeméride cun programa de actos centrado no movemento obreiro da capital da Ribeira Sacra e o sindicato ferroviario

A Deputación colabora con esta entidade co obxectivo de levar a cabo traballos de investigación sobre o movemento obreiro na provincia de Lugo e a súa repercusión a nivel de Galicia

José Tomé: “Este encontro de homenaxe, de recoñecemento e de dignificación das vítimas reafírmanos en que a memoria ten que servir para avanzar e para mellorar de cara ao futuro, fortalecer as nosas institucións e rexeitar os cantos de serea daqueles que disfrazan a involución como patriotismo”

O Presidente da Deputación de Lugo e Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participou este martes nos actos organizados pola Fundación Luis Tilve, en colaboración coa propia institución provincial, con motivo do Día das Vítimas da Guerra Civil e da Ditadura neste 31 de outubro, a data fixada para esta efeméride na Lei de Memoria Democrática aprobada o pasado ano.

Un encontro, subliñou José Tomé, de “homenaxe, de recoñecemento e de dignificación das vítimas”, tan necesario “para avanzar e para mellorar de cara ao futuro; para fortalecer as nosas institucións; para rexeitar os cantos de serea daqueles que disfrazan a involución como patriotismo ou como modernidade; e para dicirlles alto e claro, recuperando a voz dos que morreron ou dos que sufriron polas súas ideas, que o futuro só é de verdade futuro cando é sinónimo de progreso, de dereitos, de igualdade e de liberdade”.

Así mesmo, o Presidente incidiu en que en España “levamos moito camiño andado para poder recuperar no noso país o retraso que sufrimos durante 40 anos de franquismo, pero, temos que seguir reivindicando e loitando polos avances e polos dereitos dos traballadores e das traballadoras. Sobre todo, porque estamos vendo hoxe no noso país e no conxunto de Europa unha nova vaga da extrema dereita, que rexeita no seu ideario avances como a redución da xornada laboral, as melloras nos permisos por paternidade ou as medidas en favor da igualdade entre mulleres e homes”.


Os actos comezaron no Monumento aos Ferroviarios, na estación de tren de Monforte, onde José Tomé estivo acompañado por José Benito Núñez López, presidente da Fundación Luis Tilve, e de Mario Franco, membro da FeSMC-UGT Galicia; e continuaron no Centro Cívico da cidade do Cabe cunha mesa redonda sobre O movemento obreiro en Monforte. O sindicato ferroviario, coa participación do Secretario Xeral de UXT en Lugo, Ángel Tomé; o secretario da Fundación Luis Tilve, Roxelio Pérez; e o presidente da Asociación de Amigos do Ferrocarril, Fermín Avellaneda, ademais do propio Presidente da Deputación e Alcalde de Monforte.

A Deputación colabora coa Fundación Luis Tilve co obxectivo de levar a cabo traballos de investigación sobre o movemento obreiro na provincia de Lugo e a súa repercusión a nivel de Galicia.

A Fundación Luis Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da historia do traballo e dos movementos obreiros galegos, ao tempo que leva a cabo actividades de actualidade para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. Con motivo do Día das Vítimas da Guerra Civil e da Ditadura, fixado na Lei de Memoria Histórica recentemente aprobada, a entidade galega escolleu a cidade do Cabe pola importante represión vivida durante a Guerra Civil e a Ditadura.