Deputación de Lugo
Infraestruturas

O aglomerado da estrada provincial de Pedrafita a Seoane obriga a cortar o tráfico o venres, o sábado e o luns

PEDRAFITA DO CEBREIRO
Folgoso do Courel
Seoane do Courel
Os traballos forman parte do proxecto de mellora da vía entre os quilómetros 7,350 e 8,670 que acomete a Deputación cun investimento de 275.000€

Será preciso establecer o corte entre os quilómetros 6 e 9, que estará sinalizado nas interseccións principais para causar o menor prexuízo aos condutores

As obras de mellora e ensanche que está acometendo a Deputación de Lugo no tramo que vai do punto quilométrico 7,350 ao 8,670 da estrada LU-P-1301, de Pedrafita do Cebreiro a Seoane do Courel, obrigan ao corte da estrada o venres, o  sábado e o vindeiro luns. En concreto, é necesario cortar a circulación dende o quilómetro 6 ao 9 para acometer os traballos de estendido do aglomerado.

A institución provincial destina 275.000€ para esta estas obras que teñen como obxectivo ter unha plataforma de entre 5,10 e 5,50 metros de ancho. Ademais, fixéronse actuacións de drenaxe, estase pavimentando e farase a correspondente sinalización horizontal e vertical. Colócanse tamén novas balizas de neve, paneis direccionais e novos tramos de barreira metálica de seguridade. Na actualidade, este tramo contaba cun ancho de 4 metros, polo que estas actuacións servirán para ampliar considerablemente a superficie da vía, mellorando a seguridade e comodidade das persoas usuarias.

O corte estará debidamente sinalizado nas interseccións para causar o menor prexuízo posible ás persoas que utilizan a estrada. Estas actuacións, que realiza a empresa Vazper 3 SL, fanse na  súa totalidade nunha zona que pertence á Rede Natura 2000 dos Ancares, polo que se tivo especial coidado en que o proxecto tivera un impacto medioambiental mínimo. 

Con esta obra, a Deputación leva investido 1M€ para acondicionar os 6 quilómetros que faltaban para completar a mellora da vía. Así, actuou no tramo comprendido entre os quilómetros 10,700 e o 12,591 cun orzamento de 245.000€; e dedicou outros 300.000€ para o treito que vai do punto 8,670 ao 10,700.