Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación destina 80.000€ ao Concello de Pol para mellorar a eficiencia enerxética do complexo deportivo e ampliar a rede de augas

CONCELLO DE POL
complexo deportivo
Auga
O Presidente, José Tomé Roca, asinou co Alcalde polense, Lino Rodríguez Ónega, un acordo para acometer un conxunto de actuacións no pavillón municipal, como o cambio da cuberta, o reforzo da estrutura ou a instalación de paneis solares para quentar a auga e dar servizo á iluminación do complexo

Grazas a esta colaboración tamén se contempla a ampliación da rede de abastecemento de augas de Bouzoá e para conectar á rede á veciñanza de Xerbolés

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Pol, Lino Rodríguez Ónega, asinaron no Pazo de San Marcos un acordo a través do que a institución provincial destina ao Concello 80.000€ para que poida mellorar o complexo deportivo da localidade e ampliar a rede de abastecemento de auga dos núcleos rurais. 

Polo que respecta ao complexo deportivo, grazas a este investimento vanse acometer un conxunto de actuacións no pavillón para mellorar a eficiencia enerxética, así como labores de mantemento da infraestrutura. Agora mesmo, a cuberta presenta pingueiras polo paso do tempo, o que provoca que a humidade penetre nos piares e os dane. Por iso, vaise facer unha cuberta estanca cun illamento axeitado, incluíndo panel sándwich, que será máis resistente que o actual de fibrocemento. Tamén se contempla facer un reforzo estrutural completo, dende os piares ata a estrutura de cubrición, para evitar que aparezan fisuras, gretas ou movementos.

Na cuberta vanse instalar novos paneis solares que contribuirán á obtención de enerxía para a auga quente, sen necesidade de utilizar unha caldeira de gasoil como se fai na actualidade. Esta caldeira será substituída por unha bomba de calor de aerotermia para gañar eficiencia. De xeito paralelo, a enerxía sobrante dos paneis empregarase para dar servizo á rede de iluminación deportiva, o que reverterá nun aforro enerxético considerable. Tamén se prevé instalar novos puntos de luz con tecnoloxía led que teñan un menor consumo que os actuais, para camiñar cara un sistema que sexa autosuficiente. 

Unha infraestrutura que usan os escolares
A rehabilitación e mellora desta dotación deportiva beneficiará directamente na xente máis nova, pois este pavillón deportivo é o que utilizan os escolares do CEIP Rosalía de Castro de Mosteiro en horario lectivo e é de uso deportivo para actividades extraescolares. 

As zonas de xogo veranse melloradas, pois ao cambiar a cuberta eliminarase as humidades que agora mesmo presenta polo deterioro que provocou o paso do tempo.  

O complexo deportivo conta tamén con campo de fútbol 7 e un campo de fútbol 11, dúas piscinas municipais, pista de baloncesto ao aire libre e unha pista de pádel. Unha aposta do Concello por favorecer a práctica do deporte, por ampliar alternativas para a conciliación familiar e laboral, e por converter a Pol nun centro deportivo de referencia na contorna que dinamice o municipio.

Melloras no abastecemento de auga 
Grazas á colaboración económica da Deputación, o Concello tamén poderá mellorar a rede de subministración de auga da liña que abastece Arcos e Bouzoá. En concreto, en Bouzoá, un núcleo que conta con 14 veciños, danse continuas baixadas de presión, provocando que o servizo non sexa todo o eficiente que debera. As obras que se contemplan inclúen unha nova condución de polietileno de alta densidade de 75mm de diámetro exterior, que complemente á existente, tendo en conta que tamén dá servizo a unha explotación gandeira con 40 cabezas de gando. 

Pola súa banda, o núcleo de Xerbolés, onde residen 4 veciños, non conta actualmente con subministración de auga, polo que se vai executar ao abeiro desta colaboración que fai a Deputación de Lugo. Neste lugar tamén hai explotacións gandeiras cun total de 35 cabezas de gando, un dato que se ten en conta á hora de dispoñer as obras e calcular o grosor das tubaxes.

O prazo de execución para estas dúas actuacións é de tres meses unha vez comecen as obras. Desta maneira o Concello de Pol ofrecerá un mellor servizo público de traída de auga aos núcleos de poboación do municipio, garantindo un caudal suficiente e de calidade para o seu consumo.