Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

300 atletas participan este sábado na primeira Xornadas de Atletismo en Pista Deputación de Lugo

Copa Deputación de Atletismo
Atletismo
EFRÉN CASTRO
A Vicepresidencia financiará a compra dun equipamento de video finish para as probas de atletismo que se celebren na provincia

O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Deportes, Efrén Castro, o presidente da Federación Galega de Atletismo Iván Sanmartín e o seu delegado en Lugo Pablo Gandoy, acompañados polo tenente alcaldesa de Lugo, Rubén Arroxo, presentaron as Xornadas de Atletismo en Pista Deputación de Lugo  2024, que comezarán este sábado 3 de febreiro no Estadio Gregorio Pérez Rivera.

Será a primeira proba das seis previstas durante a primeira metade do ano, nas que se agarda unha participación total de preto de 2.000 atletas de todas as categorías.  

Efrén Castro sinalou que “probas e competicións coma estas mostran do peso específico que ten o atletismo no deporte lucense, con atletas de distintas modalidades que destacaron e destacan internacionalmente e cun importante traballo coa base por parte dos clubs”. Tamén valorou a importancia que este ano cobran as categorías base, potenciando a súa participación.

Pola súa banda, dende a delegación lucense da federación agradeceron o apoio da institución provincial e sinalaron que se trata de probas moi valoradas polos clubs, xa que “lle damos oportunidade para que os atletas vaian adquirindo experiencia competitiva e poidan ir facendo as marcas para participar en campionatos galegos e estatais”.

Na xornada deste sábado, con 14 probas atléticas, participarán 300 deportistas de categorías superiores a sub 16, tanto de clubs de Lugo como do resto de Galiza. A vindeira xornada será o 24 de febreiro.

Video finish

Ademais da organización das probas de atletismo, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo financiará a adquisición dun equipamento de video finish para a celebración de probas de atletismo na provincia. Trátase dunha tecnoloxía de cronometraxe imprescindible para que as marcas das e dos atletas teñan recoñecemento galego, estatal e internacional.