Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

A Área de Rural impulsa a formación gandeira da man da Asociación para a Desintensificación do Agro

RURAL
AEDA
DANIEL GARCÍA
Asociación para a Desintensificación do Agro
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo permite unha formación para unha vintena gandeiros e gandeiras lucenses en Nova Zelanda

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Rural, apoia á Asociación para a Desintensificación do Agro (AEDA) cunha viaxe formativa a Nova Zelanda para os gandeiros e gandeiras da provincia. Esta actividade busca dar coñecer a realidade de produción de leite fóra de Galiza aos traballadores deste sector e, neste caso, adentrarse no pastoreo eficiente realizado neste territorio do Pacífico. 

O obxectivo desta iniciativa é coñecer de primeira man as técnicas máis punteiras no manexo do pastoreo, que permitan nestes tempos convulsos obter a maior rendibilidade posible con prácticas agrogandeiras respectuosas co medio ambiente. Centros tecnolóxicos, empresas de selección xenética animal, empresas de selección e mellora de variedades pratenses, actores do sector (cooperativas, asociacións profesionais), e, por suposto, ganderías innovadoras, serán as visitas que se realizarán.

Nova Zelanda representa aproximadamente o 35% do comercio mundial en produtos lácteos. Representa aproximadamente o 2% da produción mundial de leite, pero exporta máis do 95% de
todos os seus produtos. Dende a organización celebran poder levar a cabo esta actividade que levan anos aprazando. Anteriormente AEDA xa visitou Francia, Irlanda, Austria ou Portugal e permitiu adentrarse na realidade da produción de leite e carne fóra de Galicia. 

AEDA ten como obxectivos fomentar o apoio entre produtores e prestar apoio na análise técnico-económica das explotacións para a mellora destas. Coa realización de actividades busca demostrar a posibilidade de reducir custos, fomentar prácticas agrogandeiras e fomentar os coñecementos da produción ecolóxica.